A Xunta colaborará co concello de Nogueira de Ramuín na elaboración dun Plan especial de protección do embarcadoiro de Santo Estevo
Ángeles Vázquez coñeceu o proxecto que o rexedor quere levar a cabo para compatibilizar a actividade turística e a preservación dos valores da Ribeira Sacra
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou esta tarde ao alcalde de Nogueira de Ramuín, José César Parente, a colaboración do seu departamento para materializar un Plan especial de protección do embarcadoiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e da súa contorna máis próxima.
A conselleira e o rexedor mantiveron esta tarde unha reunión para abordar os proxectos de interese para este municipio da provincia de Ourense, durante a cal a responsable de Medio Ambiente coñeceu os detalles desta iniciativa que pretende combinar a conservación do patrimonio natural e a oferta turística.
Tal e como lle trasladou o alcalde, o Concello quere impulsar a redacción dun Plan especial de protección da zona do embarcadoiro de Santo Estevo, co que definir o marco no que desenvolver e impulsar actividades na zona de atraque e facelo compatible coa preservación dos valores que identifican este ámbito.
A conselleira brindoulle a colaboración técnica do Instituto de Estudos do Territorio para axudalos e orientalos na tramitación desta ferramenta, así como da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, para asesoralos en todos os aspectos relacionados cos valores naturais da Ribeira Sacra.
Este Plan, segundo destacou Ángeles Vázquez, achegará un grao de area máis ao recoñecemento da Ribeira Sacra, que pronto se pode converter no sétimo territorio galego que acada o recoñecemento internacional de Reserva da Biosfera.
De feito, tal e como lembrou a conselleira, o Consello Consultivo Internacional para as Reservas da Biosfera trasladou recentemente o preceptivo informe favorable ao Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB sobre a candidatura da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.