A Xunta reúnese con empresarios de Pontevedra e Ourense para explicar as axudas do 3º Plan de Rescate, que se están a tramitar con axilidade

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, celebra dous webinarios sobre o 3º Plan de Rescate da Xunta coa Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO)

A Xunta defende que as axudas do 3º rescate se queden en Galicia e poidan ser abonadas nun prazo dun mes ou mes e medio desde a presentación da solicitude e as pertinentes comprobacións fiscais

Para posibilitalo, o Goberno galego estableceu un mecanismo de adianto do 100% da contía por medio dunha declaración responsable

As persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas afectadas pola covid-19 dispoñen ata o 14 de xullo para cursar as súas solicitudes de axudas directas

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, mantivo hoxe un encontro virtual con empresarios da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), e esta tarde celebrará outro ante a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), no marco da rolda de contactos aberta pola Consellería de Emprego e Igualdade para explicar os pormenores da tramitación do 3º Plan de Rescate da Xunta, activado o pasado 14 de xuño cos 234,4 milóns de euros de fondos asignados polo Estado a Galicia.

Toca adiantou que a Xunta está a traballar coa previsión de que nun prazo breve desde a presentación da solicitude, as axudas directas poidan chegar aos seus destinatarios. O Goberno galego vén de establecer unha fórmula para adiantar os pagamentos o 100% so mediante a presentación, no momento de cursar a petición, dunha declaración responsable. “Os que soliciten a axuda poderán ter o ingreso na súa conta nun prazo breve ao anticipar o 100% da contía desde a Xunta, unha vez que se presenta a declaración responsable e se comproba a parte fiscal”, subliñou a directora xeral.

É compromiso da Xunta que os apoios cheguen a cantas máis empresas mellor. O Goberno galego agarda poder acadar ás 66.000 firmas neste 3º plan. Nesta liña, Toca lembrou que a Administración autónomica está a priorizar no novo Plan ás persoas traballadoras autónomas e pequenas empresas, que supoñen un 97% do tecido empresarial galego, e para as que se reservan 200 millóns de euros en apoios.

Unha das cuestións que suscitan máis inquedanza entre os solicitantes ten que ver coas esixencias previstas polo Estado no Real decreto-lei que regula os pagos e que obriga a que as axudas se destinen a financiar débedas pendentes. Este requisito, xunto coa cantidade de información fiscal que teñen que presentar os empresarios, está a dificultar a tramitación, especificou Toca. A Xunta quere evitar que os 234,4 millóns euros do plan volten ao Ministerio de Hacienda, algo que podería ocorrer se os solicitantes non poden acreditar as débedas esixidas.

Para evitalo, a Administración autonómica está a facer interpretacións amplas da normativa estatal para que a totalidade das débedas adquiridas durante a pandemia, incluídos os préstamos formalizados, se poidan amortizar cos cartos do 3º plan de rescate.

As xuntanzas de hoxe insírense na rolda de contactos informativos aberta pola Consellería de Emprego e Igualdade nos últimos días tanto coa patronal como con representantes de diferentes sectores de actividade, co obxecto de poñer luz sobre dalgúns dos aspectos máis complexos do novo plan.

Imaxes relacionadas