As forzas de seguridade extremarán a vixilancia esta fin de semana en Galicia para evitar aglomeracións de persoas e incumprimentos nas normas sanitarias

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acordaron nunha reunión co delegado do Goberno en Galicia, co presidente da Fegamp e cos mandos policiais extremar os controis e incrementar os dispositivos para evitar infraccións

A Xunta recorda que as medidas de seguridade seguen vixentes e que os botellóns, que están prohibidos, conlevan multas de 200 a 300 euros por persoa

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021

As forzas de seguridade extremarán a vixilancia esta fin de semana en Galicia para evitar aglomeracións de persoas e incumprimentos nas normas de seguridade. Así se acordou esta mañá nunha reunión de coordinación de seguridade presidida polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e á que asistiron tamén por vía telemática o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e representantes dos mandos policiais.
No encontro acordouse incrementar os controis e os dispositivos policiais durante esta fin de semana para evitar infraccións, sobre todo en concellos como o de Sanxenxo e en cidades nos que nos últimos días se rexistraron máis vulneracións das normas sanitarias. Neste sentido, o vicepresidente primeiro recordou que as medidas de seguridade seguen a estar vixentes e apelou á responsabilidade individual como primeiro paso para que a situación epidemiolóxica non empeore en Galicia. “Pedimos un último esforzo nos vindeiros días, sobre todo á xente máis nova, para que os bos resultados que temos en Galicia non se estraguen e non haxa que dar pasos atrás”, dixo Alfonso Rueda unha vez rematado o encontro.
O vicepresidente primeiro insistiu en que a máscara segue a ser de uso obrigatorio sempre que non se podan manter as distancias de seguridade e que o botellón está prohibido, polo que cada participante pode ser sancionado con multas entre 200 e 300 euros. “Galicia sempre tivo unha situación mellor que a media de España, pero por iso necesitamos cortar esta tendencia ascendente na incidencia acumulada, sobre todo en determinadas zonas e en determinados grupos de idade”.
No encontro, ao que asistiu tamén o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xunto coa directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, subliñouse que nas denuncias presentadas polos concellos pequenos e medianos que tramita a Xunta, o botellón é a terceira causa máis común nas infraccións, por detrás de non levar a máscara e de fumar sen respectar as normas.
As decisión, como todas as que se toman en Galicia en relación coa pandemia, están avaladas polo comité clínico. “Ata agora demostrouse que era o camiño correcto”, indicou o vicepresidente primeiro, quen recalcou que as sancións eran sempre “o segundo paso” e apelou á responsabilidade individual, recordando que os botellóns están prohibidos e que as normas sanitarias impiden a concentración numerosa de persoas na rúa.

Imaxes relacionadas