Valentín García acompaña a Beatriz G. Turnes na presentación de 'Esta noite hei de ir a verte'

O secretario xeral de Política Lingüística saudou a publicación valorando “a importancia de fomentar o uso da lingua galega na mocidade”

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2021
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou hoxe á profesora, investigadora e escritora Beatriz G. Turnes no acto de presentación do libro Esta noite hei de ir a verte, a terceira novela destinada ao público xuvenil que dá ao prelo a autora compostelá baixo o selo Costa Oeste da Editorial Galaxia.

Valentín García felicitou a Beatriz G. Turnes e saudou a publicación valorando “a importancia de fomentar o uso da lingua galega na mocidade por medio de obras literarias como esta que, coa gran mestría e coidado na edición, enriquecen notablemente o abano de títulos de grande atractivo para estimular a lectura de calidade en galego e mesmo a necesaria reflexión arredor do idioma”.

Canda eles, participaron na presentación a editora, Malores Villanueva, e mais o profesor, investigador e crítico literario Armando Requeixo.

Ensino, idioma, muller e vida

Esta noite hei de ir a verte é unha novela xuvenil de misterio narrada e protagonizada por unha mestra, Sabela, que en 1964 chega á súa primeira escola nunha parroquia rural chamada Brandeira. Alí atopa, non só os veciños e o alumnado que agardaba, senón tamén unha casa misteriosa onde se ven estrañas luces e unha alumna inquietante. No seu intento por desvelar os segredos que ambas agochan, Sabela irá descubrindo o pasado recente de Brandeira, que deixou feridas aínda sen cicatrizar, e irá reflexionando sobre o ensino, a lingua galega, a situación da muller ou a guerra e as súas consecuencias sobre a vida das persoas.

A autora

Beatriz García Turnes (Santiago de Compostela, 1973) é doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago, especialista en planificación e dinamización da lingua galega e docente de ensino medio. Na actualidade, desenvolve o seu labor profesional como profesora-investigadora no Centro Ramón Piñeiro, onde codirixe o proxecto Legado de Jürgen Untermann. Tesouro paleogalaico (TPGal).

A súa traxectoria literaria inclúe os premios Repsol de Relatos Curtos, o Camilo José Cela ou o Minerva. A súa primeira novela, Valdamor (Galaxia, 2001), recibiu o Premio Lecturas da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). En Galaxia participou na obra O libro dos Reis Magos (2012) e publicou a novela xuvenil O ouro das lúas (2018).

Como investigadora e ensaísta é autora das monografías A lingua galega entre 1875 e 1916. Situación social e consciencia idiomática (2004) e Vida e obra de Ramón Piñeiro (Galaxia, 2009). Tamén é coautora do Diccionario gallego-castellano, castellano-gallego (2001) e do ensaio Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas (2016).