A Xunta colabora con ADIF para garantir a conservación do edificio histórico protexido da estación de tren
Gonzalo Trenor e os técnicos da Xunta participaron nun encontro de traballo cos representantes de ADIF para informarlles das recomendacións para protexer este inmoble emblemático da cidade
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polos técnicos de Patrimonio Cultural da Xunta, mantiveron esta mañá unha reunión cos representantes de ADIF para darlles traslado ao responsables do ente ferroviario das recomendacións da Xunta para garantir a conservación do edificio histórico protexido da estación de tren cando executen a parte que lles corresponde da nova estación intermodal.
Trenor lembrou que proposta de ADIF tivo un informe favorable de Patrimonio, pero no encontro informoulles das recomendacións da Comisión de Patrimonio para que se acometan do mellor xeito e respectando o máximo posible o edificio orixinal para preservar os valores históricos do inmoble e adaptalo ás novas funcionalidades.
Entre as consideracións trasladadas aos responsables de ADIF destaca que o módulo comercial proxectado baixo a marquesiña histórica debe ser o máis livián posible, de tal xeito que non deturpe os valores do volume orixinal. Ademais, recoméndase que as marquesiñas proxectadas na fachada noroeste da estación sexan o máis sinxelas e liviás posibles para que permitan visualizar claramente o edificio histórico.
En relación á pasarela de acceso, que unirá as avenidas de Sardiñeira e do Ferrocarril, os responsables da Xunta explicaron que esta estrutura debe ser tamén o máis sinxela e lixeira posible de tal xeito que teña o menor impacto visual.
Así mesmo, recomendaron que o tratamento das novas cubertas proxectadas deberían ter uniformidade coas cubertas do edificio orixinal. E propuxeron que a modulación das fachadas do novo edificio manteña o ritmo da fachada do edificio orixinal para permitir unha lectura integradora.
Trenor lembrou que o Consello de Patrimonio deu o visto e prace ao proxecto de ADIF para a remodelación da estación da Coruña-San Cristóbal nun tempo récord e pola vía de urxencia ao tratarse dun proxecto ferroviario estratéxico para a cidade. Neste senso, apuntou que a Xunta de Galicia está axilizando ao máximos todos os trámites para intentar recuperar algo do tempo perdido con esta obra e recalcou que a intención do Goberno galego é avanzar o máis rápido posible e poder investir, canto antes, os máis de 17 millóns de euros para renovar a parte da estación de autobuses que lle corresponde ao ente autonómico.
A estación de tren actual, que foi proxectada no ano 1927 por Antonio Gascue Echevarría e na que remataron as obras no ano 1943, tivo varias transformacións e agora necesita unha nova adaptación para a mellora do tráfico ferroviario.