Os fogares galegos aforraron 136 millóns de euros en 2020 polas baixadas fiscais da Xunta nos impostos de sucesións e transmisións patrimoniais

A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) publica hoxe o seu informe xeral de actividade correspondente ao ano 2020

A Xunta de Galicia decidiu suspender entre o 14 de marzo e o 1 de novembro os prazos para a presentación das autoliquidacións dos principais impostos autonómicos o que beneficiou a máis de 43.000 familias

Ademais, a Atriga puxo en marcha o sistema de cita previa a través do cal se tramitaron máis de 54.000 citas de atención presencial

O 96% das autoliquidacións revisadas pola Administración galega foron correctas o que ratifica que a inmensa maioría dos contribuíntes en Galicia pagan correctamente os seus impostos

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

Os fogares galegos aforraron o ano pasado 136 millóns de euros grazas ás baixadas fiscais aprobadas pola Xunta de Galicia no Imposto sobre Sucesións e Doazóns e no Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD).

Estes 136 millóns -25 máis que en 2019- son recursos que quedaron en mans das familias galegas co obxectivo de reactivar o consumo interno, evitar o despoboamento nas zonas pouco poboadas e manter íntegro o patrimonio dos fogares en caso de perda dun familiar directo, especialmente nun ano marcado pola pandemia do coronavirus.

A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) publica hoxe o seu informe xeral de actividade de 2020 no que se inclúen os datos de actividade do organismo autonómico. O ano pasado, a Atriga acadou uns ingresos de 540,5 millóns de euros, un 9,1% menos que no 2019 debido principalmente ás rebaixas fiscais aplicadas no 2020, ás alteracións nos prazos tributarios ou aos efectos da pandemia sobre a actividade económica.


Suspensión pago de impostos autonómicos e aprazamentos

A Xunta de Galicia decidiu suspender entre o 14 de marzo e o 1 de novembro de 2020 os prazos para a presentación das autoliquidacións do ITP-AXD; de Sucesións e Doazóns e os tributos do xogo co fin de proporcionar á cidadanía facilidades para cumprir coas súas obrigas tributarias, unha medida da que se beneficiaron un de cada cinco contribuíntes.

En total, 43.125 familias se beneficiaron desta suspensión para a presentación de impostos posta en marcha polo Goberno galego. A maiores, o organismo autonómico concedeu o ano pasado 2.003 aprazamentos de impostos por importe de 12,9 millóns de euros.

Sistema de cita previa e vía electrónica

Tras o peche temporal provocado pola evolución da pandemia, a Axencia Tributaria de Galicia retomou a atención presencial aos cidadáns nas súas oficinas a través do sistema de cita previa para a realización de diversos trámites como a presentación de impostos, a emisión de certificados ou a obtención de información sobre expedientes, entre outros.

Neste marco, co obxectivo de reforzar a atención ao cidadán, a Atriga desenvolveu na súa web unha aplicación de cita previa que se combinou coa posibilidade de solicitar cita tamén por vía telefónica. En concreto, entre maio e decembro, tramitáronse nas súas delegacións 54.008 citas presenciais.

Por outra banda, Galicia é pioneira en ofrecer servizos públicos electrónicos para facilitar a realización de trámites a través de internet e reforzar a asistencia aos cidadáns, algo de vital importancia nun momento marcado polas restricións derivadas da situación sanitaria. Neste sentido, hai que sinalar que a comunidade galega ofrece servizos electrónicos para o 100% dos impostos que xestiona a Atriga.

Desde o ano 2009, a confección de autoliquidacións por vía electrónica vén medrando e xa supón o 78,5% do total, fronte ao 21,5% en papel. O informe revela que en 2009 a porcentaxe de confección de autoliquidacións por vía electrónica era só do 46,4%, polo que o incremento nos últimos once anos é de máis de 32 puntos.


96% das autoliquidacións correctas

O informe de actividade ratifica ademais, que no 2020 o 96% das autoliquidacións revisadas pola Administración galega foron correctas e non precisaron modificacións, e só no 4% dos casos a Atriga modificou a autoliquidación presentada. Este indicador é superior ao do anterior exercicio –o 94,2% de autoliquidacións correctas-, polo que se confirma que a inmensa maioría dos contribuíntes en Galicia pagan correctamente os seus impostos.

Imaxes relacionadas