A conselleira do Mar acompañou ás rapazas e rapaces do servizo Aula Concilia do Concello do Pereiro de Aguiar durante o obradoiro da campaña de consumo de peixe da Xunta

Preto de 650 nenas e nenos de interior coñecerán este mes os beneficios de consumir produtos do mar grazas á iniciativa 'Ti si que es un bo peixe'

Esta campaña do Executivo galego pasará ata o 30 de xullo por unha ducia de concellos galegos de interior, entre eles Sobrado dos Monxes, Toques, Rois, O Saviñao e A Pobra do Brollón

Con esta iniciativa a Administración galega segue difundindo dun xeito ameno entre os máis novos coñecementos sobre as distintas especies de peixes e mariscos e as súas propiedades nutricionais

Esta campaña substitúe a ‘O sabor da aventura está no mar’ e púxose en marcha durante este curso escolar no que estivo en 30 centros educativos e chegou a máis de 2.500 escolares

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 27 de xullo de 2021

A campaña Ti si que es un bo peixe de promoción de produtos do mar entre o público infantil chegará este mes a preto de 650 nenas e nenos que participan nos campamentos de verán da Xunta e noutras actividades culturais de distintos concellos galegos de interior. Así o destacou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a visita ao obradoiro desta iniciativa que hoxe se desenvolve no CEIP Ben Cho Shey, no concello do Pereiro de Aguiar.
Esta campaña do Executivo galego pasará entre o 21 e o 30 deste mes por un total 12 concellos galegos. Tras o seu paso pola Baña, Ribas de Sil, Quiroga, A Cañiza, Melón, Frades, Mesía e hoxe no Pereiro de Aguiar, Ti si que es un bo peixe estará mañá nos municipios de Sobrado dos Monxes e Toques, o 29 de xullo en Rois e o 30 deste mes no Saviñao e na Pobra do Brollón.
Deste xeito, explicou Rosa Quintana, o obxectivo da Administración galega é seguir impulsando o consumo de peixes e mariscos entre os máis novos, especialmente entre os que residen no interior, e aportarlle coñecementos sobre as distintas especies de peixes e mariscos, as súas propiedades nutricionais e os seus métodos de captura.
Para transmitir estes valores á poboación infantil de entre 3 e 14 anos á que pretende chegar a campaña, esta iniciativa utiliza unha linguaxe próxima e a música como código de comunicación pois unha das pezas que inclúe é unha canción cunha letra e un ritmo fáciles de memorizar.
Outro dos elementos protagonistas de Ti si que es un bo peixe é o material didáctico como as siluetas de peixe que serven para que as rapazas e rapaces aprendan a coñecer e diferenciar as distintas especies de peixes e mariscos. Ademais nela tamén está presente a realidade virtual, pois outra das accións que abarca é o visionado con gafas adaptadas dun vídeo relacionado co motivo da campaña.
Ti si que es un bo peixe substitúe á iniciativa O sabor da aventura está no mar e púxose en marcha durante este curso escolar no que estivo en 30 centros educativos e chegou a máis de 2.500 escolares. Ademais de estar presente en diferentes colexios, tamén percorre campamentos de verán da Administración autonómica e distintas actividades culturais nas que poidan participar as nenas e nenos aos que está dirixida.
Outra iniciativa renovada que estreou este curso a Consellería do Mar é Fai click ao teu bocata, que releva a Ponlle as pilas ao teu bocata. Con ela o Executivo galego continúa promovendo o consumo de conservas de produtos do mar entre o público infantil e a ensinarlle a empregar as conservas como base en receitas sinxelas.

A iniciativa no Pereiro de Aguiar

A presenza de ‘Ti si que es un bo peixe’ hoxe no CEIP Ben Cho Shey abarca dous obradoiros, un coas nenas e nenos de 3 a 7 anos e outro cos de 8 a 13 anos. A totalidade de participantes, entre os dous grupos, é de 50 nenos e ambos obradoiros constan de tres actividades, creadas especificamente para cada nivel.
Nestas actividades os monitores explican coñecementos sobre nove especies e relacionados co seu hábitat, método de pesca ou captura, a súa presentación á hora de vendelas e algunha receita para cociñalas. Tamén dan información sobre o seu aporte nutritivo. Ademais está a figura de Peix, que enlaza a parte do karaoke na que se vai a ensinar un baile ao público de educación infantil e un ritmo distinto ao de primaria. Por último, agasállase ás nenas e nenos con material relacionado coa campaña.
Todas estas actividades teñen como obxectivo familiarizar ao público infantil cos produtos do mar e co mundo da pesca e do marisqueo e conciencialo sobre a importancia de coidar os recursos mariños, entre outros aspectos.

Imaxes relacionadas