Valentín García acompaña a Pilar Falcón na presentación da obra ‘Un Camiño de cine Xacobeo’

A xornalista galega recompila e repasa cronoloxicamente os audiovisuais sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno Xacobeo nun volume que sae do prelo co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da obra Un Camiño de cine Xacobeo, na que a xornalista galega Pilar Falcón recompila máis de medio cento de pezas audiovisuais que xiran arredor do Camiño de Santiago e do Ano Santo compostelán, desde 1950 ata a actualidade.

O representante da Xunta de Galicia incidiu na idea “do Xacobeo como fenómeno social, cultural e económico que se asenta no Camiño de Santiago e que nos conecta coas preto de 200 nacionalidades que chegan cada ano a Galicia para coñecer a nosa lingua e cultura”. Neste sentido, Valentín García felicitou a Pilar Falcón pola publicación, que “supón unha valiosa guía de referencia sobre a temática xacobea no audiovisual”. A canda o secretario xeral e a autora da obra, participaron na presentación a actriz Estíbaliz Veiga e a xerenta de Ficción Producións, Mamen Quintas.

O Camiño como alicerce

Un Camiño de cine Xacobeo sae do prelo co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e busca divulgar e sensibilizar sobre a categoría de cinema Xacobeo ou cinema do Camiño de Santiago. Para iso, a súa autora realizou un profundo traballo de recompilación, documentación e análise de máis de 50 películas, series, documentais, curtametraxes e demais audiovisuais que teñen como protagonista o fenómeno da peregrinaxe á cidade do Apóstolo.