Sanidade habilita en Lugo, Burela e Monforte de Lemos senllos puntos fixos para a realización de probas de antíxenos e a xestión de trámites vencellados coa covid-19

Na cidade de Lugo realizaranse probas diagnósticas, os martes, xoves e sábados e;no caso de Burela e Monforte de Lemos, terán lugar nas xornadas de sábado

A Xunta estende esta iniciativa ás sete cidades galegas e ás sete localidades que contan cun hospital comarcal

Lugo, 30 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Sanidade habilitará dous puntos fixos en cada un dos distritos da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, destinados á realización de tests de antíxenos e a tramitación de cuestións administrativas relacionadas coa covid-19.

Nomeadamente, desde o vindeiro sábado 31 de xullo, a cidade de Lugo contará cun punto específico para a realización de probas diagnósticas no edificio da Xefatura Territorial de Sanidade, situado na rúa Montevideo 9. A realización destes test levarase a cabo nas xornadas dos martes, xoves e sábados, en horario de 11.00h a 13:00h e de 16:00h a 19:00h.

No caso de Monforte de Lemos, este sábado 31 de xullo, as probas realizaranse na unidade móbil de ADOS que se emprazará na rúa Praza Campo da Compañía, 50; en horario de 11:30 a 14:30h, e de 16:00 a 19:30h.

No que atinxe á Mariña, a praza do Concello de Burela albergará entre as 12:00h e as 18:00h deste sábado, outra unidade Móbil de ADOS para participar na realización de probas diagnósticas. En ambas as dúas localidades, definirase proximamente un espazo fixo para levar a cabo estas tarefas, que terán lugar sempre nas xornadas de sábado.

Puntos de atención administrativa covid-19

O Executivo galego tamén porá a disposición da veciñanza da área sanitaria Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, cadanseu punto para resolver asuntos administrativos vencellados coa covid-19, como poden ser: a impresión dos certificados de probas diagnósticas, vacinación ou enfermidade superada; a activación do sistema ‘chave 365’; ou a tramitación dunha alta rápida no sistema galego no caso de tratarse de persoas con residencia fóra da comunidade.

Neste caso, o punto de atención administrativa na cidade de Lugo tamén se situará no edificio da Xefatura territorial de Sanidade, estando operativo desde o día 31 de xullo, de luns a sábado, e en horario de 9:00h a 14:00h. No caso da Mariña e Monforte de Lemos, o seu emprazamento e horarios definiranse nos vindeiros días.

Unha iniciativa que reforza a capacidade diagnóstica galega

O pasado sábado 24 de xullo, a Xunta de Galicia habilitou, a xeito de proba piloto, puntos de realización de tests de antíxenos nas sete grandes cidades galegas e no hospital da Barbanza. Nestes espazos, realizáronse de tests a demanda entre poboación galega non vacinada. Os resultados de participación na iniciativa foron moi positivos, realizándose, nunha soa xornada, 3.450 tests cos que se detectaron 68 casos positivos.

Tralo éxito da pilotaxe, e dando resposta á estratexia da Xunta de incentivar a realización de probas diagnósticas, este modelo consolidase e ampliase, coa incorporación do punto administrativo, para achegar á cidadanía máis servizos, tras seren solicitados nos puntos habilitados o pasado sábado.

En consecuencia, a partir desta semana a Xunta habilitará nos 14 distritos sanitarios senllos puntos para realizar tests de antíxenos, tamén para resolver asuntos administrativos relacionados coa covid.

Estes puntos poderán ou non coincidir no seu emprazamento pero estarán, xa sexa xuntos ou por separado, en lugares céntricos das sete grandes cidades galegas e das sete vilas con hospital comarcal.

Os servizos administrativos estarán dispoñibles de luns a sábado en todas elas mentres que o servizo de realización de tests de antíxenos oscilará entre os tres e os seis días á semana, no caso das cidades, concentrándose na xornadas dos sábados nas vilas con hospital comarcal.

Sanidade
Departamento: C. de Sanidade