Asinado o protocolo que permitirá á Xunta construír un novo centro de saúde de máis de 5.000 metros cadrados en Vilagarcía

Xunta, Concello e Porto acordan a cesión á Xunta dunha parcela portuaria na que o Concello executará a demolición do inmoble que a ocupa actualmente e o SERGAS construirá o novo centro

García Comesaña compromete tamén a licitación, á volta do verán dunha nova unidade de esterilización para o Hospital do Salnés, cun investimento de preto de 1 millón de euros

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinou esta mañá en representación da Xunta de Galicia un protocolo de colaboración coa Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa e o Concello desta cidade para posibilitar a execución das obras de construción dun novo centro de saúde en Vilagarcía de Arousa.

Esta novo centro, que substituirá ao actual centro de saúde de San Roque, será deseñado en virtude dun plan funcional elaborado pola Área Sanitaria de Pontevedra e Salnés, que prevé unha dotación de espazos que levarán a que o novo edificio conte cunha superficie construída total de máis de 5.000 metros cadrados, o que significa un incremento de máis dun 50% sobre a superficie do actual centro.

Deste xeito, este novo inmoble permitirá incrementar en tres as consultas de medicina xeral (ata 17), en catro as de enfermería (ata 17), en unha as de pediatría (ata 5) e en dous as de enfermería pediátrica (ata 5). Ademais, duplicaranse as consultas de especialistas que no actual centro tiñan unha única consulta como traballo social, farmacia, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia. E medrarán tamén outro tipo de instalacións como as salas de técnicas, que pasarán de 2 a 4; as salas polivalentes, que pasarán de 2 a 3; as consultas de docencia, que pasan de 1 a 5; ou as salas de reanimación e observación da área de urxencias, que pasarán de 1 a 2.

Ademais, o maior tamaño do novo centro permitirá incorporar áreas non existentes no actual centro como unha sala de illamento, unha consulta do programa da muller, unha sala pediátrica integral (para prácticas como as nebulizacións), cabinas de tratamento e vestiarios do ximnasio de fisioterapia ou consultas médicas e de enfermería para que poidan acudir especialistas de hospital.

Precisamente sobre a atención hospitalaria, o conselleiro de Sanidade aproveitou para anunciar que o outro gran inmoble sanitario de Vilagarcía, o Hospital do Salnés, será obxecto dun investimento neste mesmo ano, coa execución da obra dunha nova unidade de esterilización para o Hospital do Salnés que será licitada á volta do verán e que virá a completar o investimento de 8,5 millóns de euros da ampliación que rematou en 2017.

Un exemplo de cooperación

García Comesaña, que asinou o protocolo xunto co Presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, José Manuel Cores Tourís e o alcalde da cidade, Alberto Varela, definiu a elaboración e sinatura deste acordo como “unha historia de cooperación” na que agradeceu a implicación das outras administracións asinantes e destacou o traballo da Directora Xeral de Recursos Económicos, María Jesús Piñeiro, e o xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, presentes no acto. O conselleiro expresou tamén a gratitude polo impulso dado ao acordo por parte de distintos representantes políticos e cargos institucionais, lembrando especialmente o papel do Vicepresidente Primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, na tarefa de coordinación entre administracións.

En conclusión, García Comesaña destacou que “ chegar a este acordo implicou a moitas persoas, a moitos niveis administrativos e a cargos de distinta cor política pero saíu adiante porque compartimos o mesmo fin: dotar dun novo centro de saúde a unha cidade que o necesita”.

Deste xeito, o protocolo asinado hoxe compromete á Autoridade Portuaria de Vilagarcía á realización dunha concesión demanial da parcela ocupada pola actual Comandancia de Marina ao Concello de Vilagarcía de Arousa, que realizará as actuacións patrimoniais, urbanísticas, dotacionais e de mobilidade para axeitar esta parcela ao uso sanitario e efectuará unha cesión patrimonial da mesma ao Servizo Galego de Saúde, que procederá a elaborar o proxecto arquitectónico e, finalmente, a construción do novo centro de saúde.

O conselleiro de Sanidade agradeceu a disposición do alcalde do Concello de Vilagarcía de Arousa a asumir no protocolo os compromisos de asumir o pago do canon correspondente á concesión demanial da parcela e os gastos de demolición do actual edificio, as dúas condicións que imposibilitaban a cesión libre de cargas da parcela e que motivaran o informe negativo que o servizo de obras do Sergas remitira ao Concello de Vilagarcía de Arousa no ano 2017 e que, unha vez finalmente resoltas, permitirán a construción dun novo centro de saúde nas mesmas condicións nas que o Sergas os constrúe nos restantes concellos galegos.

Imaxes relacionadas
Sanidade
Departamento: C. de Sanidade