A Xunta apoia con case 900.000 euros á hostalería de Monforte de Lemos a través de 401 axudas distribuídas nos últimos meses

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que os dous primeiros plans de rescate suman 389 achegas e o programa de acondicionamento de terrazas outras 12

Monforte de Lemos (Lugo), 31 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia achegou nos últimos meses preto de 900.000 euros (881.805 euros en concreto) á hostalería de Monforte de Lemos a través das 401 axudas correspondentes aos dous primeiros Plans de Rescate e ao programa para o acondicionamento de terrazas e envasado de produtos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou un dos establecementos beneficiados, Casa Reboiro, o e lembrou que está en marcha o terceiro Plan de rescate, que prevé anticipos de ata o 100% da axuda só con presentar unha declaración responsable.

A Consellería de Emprego e Igualdade aprobou en Monforte de Lemos 389 axudas por un importe global de 803.500 euros nas dúas primeiras edicións do Plan, nas que este municipio foi o segundo da provincia -despois da capital – que suma máis contía concedida.

Acondicionamento de terrazas


Pola súa banda, a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación puxo en marcha a través do Igape o programa para o acondicionamento de terrazas e a compra de elementos de envasado para domicilio, que sumou 78.260 euros en axudas para 12 hostaleiros de Monforte. Os apoios supoñen o 80% do orzamento mobilizado polos hostaleiros.

Arredor do 40% do investimento mobilizado (41.500 euros) destinouse á instalación de peches estables ou desmontables así como outros elementos móbiles tales como toldos, biombos, cortaventos, parasoles e tarimas accesibles.

Outros 34.400 euros investíronse na adecuación estética e funcional das terrazas, mediante a renovación do mobiliario, instalación de sistemas de iluminación e de aparatos calefactores exteriores, así como actuacións de mellora da fachada exterior do local. Por último, destináronse 21.800 euros á adquisición de elementos sostibles de envasado e empaquetado de comida e bebidas para o servizo de entrega a domicilio ou de recollida no propio local.

Arias destacou que “o Goberno galego continúa achegando apoios aos sectores máis prexudicados pola pandemia” e incidiu unha vez máis no “enorme esforzo que está a facer a hostalería para exercer a súa actividade de forma segura”.

Así mesmo, ante a situación epidemiolóxica actual pediu “manter a máxima cautela e incidir no cumprimento escrupuloso das normas sanitarias, tamén por parte dos clientes, para evitar que teñamos que retroceder porque este sector precisa seguir traballando”.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade