A Xunta amplía ata os 1,6 M€ as axudas dirixidas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade para cubrir todas as solicitudes

Estes apoios financian proxectos de atención personalizada e especializada para mulleres vítimas de violencia de xénero, de explotación sexual-laboral, inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas e ex-reclusas, entre outras

A edición deste ano chegará tras a ampliación do orzamento a 80 programas de 80 entidades sen ánimo de lucro

O Goberno galego reforza así o seu compromiso na loita contra as violencias machistas, máis aínda en situacións de vulnerabilidade económica e social, cun investimento de 13 M€ dende 2009 que permitiu o impulso de 682 programas

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2021

A Xunta vén de ampliar o orzamento da convocatoria de axudas dirixidas ás entidades sen ánimo de lucro para a posta en marcha de programas destinados á atención das mulleres en situación de especial vulnerabilidade. A Consellería de Emprego e Igualdade amplía de 1,4 a 1,6 millóns de euros este programa de apoios para cubrir todas as solicitudes recibidas nesta convocatoria.

Os programas que a Xunta apoia a través desta iniciativa están enfocados a atender ás mulleres en situación social ou económica de risco. Teñen esta consideración as mulleres vítimas de violencia de xénero; de explotación sexual-laboral; inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas, pertencentes a unha minoría étnica ou reclusas e ex-reclusas, entre outros colectivos vulnerables e, polo tanto, merecedores dunha especial atención por parte da Administración a través destas axudas, que chegan neste 2021 a 80 programas de 80 entidades.

Ao abeiro desta convocatoria fináncianse, ademais, programas que acollan recursos integrais específicos para mulleres de colectivos vulnerables e en situación de xestación ou lactancia con fillos ou fillas menores de tres anos dirixidos a promover o seu desenvolvemento vital e a súa autonomía económica e afectiva, co obxectivo de corrixir que unha situación desexable poida converterse nun factor de exclusión.

Outros dos eixos de interese para o Goberno galego e cubertos por estas axudas son aqueles relacionados cos coidados e o acompañamento. Trátanse de aquelas iniciativas de atencións personalizada e especializada para as mulleres dos colectivos mencionados que precisen atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación e adquisición de habilidades persoais e orientación laboral. É de especial relevancia nestes impulsos, asemade, ter en conta a desigualdade social que sofre a muller respecto do home, polo que os proxectos que acaden estes investimentos deben ter en conta a concienciación na igualdade co obxecto de mellorar as expectativas persoais, sociais e laborais das mulleres de cara a súa integración, sendo outro dos afáns a mellora da súa empregabilidade, xa que este eido, o do traballo, é un dos puntais onde a loita contra a discriminación faise máis patente e, ao mesmo tempo, unha das vías, a da independencia económica, que garante a emancipación feminina.

O abano temporal que recolle a cobertura dos gastos da execución dos programas será o comprendido entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021, ambos inclusive. No 2020 foron 74 as entidades sen ánimo de lucro que percibiron estes investimentos.

É prioritario para o Executivo galego a loita contra a violencia de xénero, cunha demostración nas políticas públicas que, neste eido, acumulan máis de 13 millóns de euros investidos desde 2009, o que permitiu o apoio a 682 programas.

Imaxes relacionadas