Estabilizado o incendio forestal do concello ourensán de Vilar de Barrio, parroquia de Prado
Segundo as primeiras estimacións, rolda as 20 ha de superficie afectada provisional
O lume obrigou a cortar a vía férrea Zamora-Ourense á altura do quilómetro 195 pero a circulación dos trens quedou restablecida esta mañá
A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Vilar de Barrio, parroquia de Prado, quedou estabilizado ás 13,49 h.
O lume iniciouse ás 22,35 h. de onte e, segundo as primeiras estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 20 hectáreas. No seu control levan participado ata o de agora 5 axentes, 19 brigadas, 6 motobombas, 2 pas e 3 helicópteros.
Cabe apuntar que este lume obrigou a cortar a vía férrea Zamora-Ourense á altura do quilómetro 195 por mor do fume existente na zona, aínda que a circulación dos trens quedou restablecida esta mañá.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.