A Xunta dispón dun operativo de extinción de lumes con máis de 150 efectivos en 19 brigadas e 14 motobombas para Deza e Tabeirós-Montes
O delegado territorial, Luis López, e o alcalde da Estrada, José López, visitan a base comarcal do servizo en Codeseda para supervisar o seu funcionamento
O dispositivo deste verán para a zona ten 13 brigadas autonómicas e seis municipais, correspondentes neste caso cos concellos da Estrada e Cerdedo-Cotobade, con dúas cada un, e cos de Lalín e Forcarei
O servizo complétase co centro de coordinación do distrito forestal, os postos de vixilancia do Candán e San Sebastián e a base de helicópteros de Silleda
“Investimos unha cantidade moi importante en prevención e extinción de incendios, pero cremos que é máis que necesario para protexer as vidas, as vivendas, as infraestruturas e os nosos valiosos montes”, sinalou o representante autonómico
A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, dispón este verán dun operativo de prevención e extinción de lumes forestais nas bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes conformado por máis de 150 efectivos distribuídos en 19 brigadas e 14 motobombas.
Este dispositivo, que foi posto en marcha o pasado mes de xullo ante a chegada da época de alto risco de incendios, foi visitado esta mañá polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, xunto ao alcalde da Estrada, José López, na base comarcal do servizo na parroquia estradense de Codeseda.
“Dende a Xunta de Galicia investimos unha cantidade moi importante, como cada ano, en prevención e extinción de lumes forestais, pero cremos que é máis que necesario para protexer as vidas e as vivendas dos veciños, as infraestruturas de todos e os nosos valiosos montes e natureza”, sinalou o representante autonómico.
Luis López destacou a amplitude de efectivos e medios materiais e a calidade dos recursos que se empregan neste servizo nas bisbarras de Deza e Tabeirós-Montes: “Esta contorna do interior da zona norte da provincia, xunto coas comarcas sureñas do Condado e A Paradanta son as máis sensibles, as de maior risco e as de incidencia máis elevada e por iso estamos plenamente volcados en dispor dun operativo de primeiro nivel, algo habitual en todo caso en toda Galicia como se puido comprobar recentemente cando ofrecemos a nosa axuda para colaborar no gran lume que houbo en Ávila”.
O operativo deste verán para a zona conta con 13 brigadas autonómicas e outras seis conformadas a través de convenios cos concellos interesados. Entre estas figuran dúas nos municipios da Estrada e Cerdedo-Cotobade e unha en Lalín e Forcarei. Ademais, tamén se dispón de 14 motobombas, seis xestionadas pola Xunta e outras oito en colaboración cos concellos, das que catro operan principalmente na bisbarra de Deza e outras tantas na de Tabeirós-Terra de Montes, aínda que o servizo é transversal para toda a zona se fora necesario pola magnitude dalgún lume.
Así, entre o persoal das brigadas e os condutores dos vehículos están en funcionamento máis de 150 efectivos, aos que hai que engadir o centro de coordinación do distrito forestal, os dous postos de vixilancia nos cumios da Serra do Candán e do Couto de San Sebastián e a base de helicópteros de Silleda. A isto, súmanse outros efectivos técnicos e forestais e as posibilidades que ofrece a rede permanente de infraestruturas, centrada principalmente nos puntos de recollida de auga.