A conselleira do Mar acompañou ás rapazas e rapaces das aulas municipais da Concellería de Servizos Sociais de Ribeira nun obradoiro de fomento do consumo de produtos do mar

A Xunta anima este verán a preto de 2.000 nenas e nenos a comer peixes e mariscos a través da campaña ‘Ti si que es un bo peixe’

Esta é unha das accións que se inclúen na estratexia global da Consellería do Mar de fomento do consumo dos produtos pesqueiros GALICIA SABE AMAR

As iniciativas deste tipo impulsadas polo Executivo galego e dirixidas ao público infantil chegaron desde 2010 a máis de 150.000 rapazas e rapaces

Rosa Quintana lembra que o consumo habitual de produtos do mar é unha das claves para contar cunha alimentación saudable e salienta a gran variedade de peixes e mariscos que pon o sector pesqueiro galego a disposición da cidadanía

Ribeira (A Coruña), 20 de agosto de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a importancia de que os máis pequenos coñezan as bondades de consumir produtos do mar e se animen a probalos para que acaben converténdose nun alimento habitual da súa dieta, o que redunda en beneficios sanitarios para o conxunto da poboación e na mellora das vendas dos peixes e mariscos de Galicia. Fíxoo durante o obradoiro da campaña Ti si que es un bo peixe que se celebrou hoxe nas aulas municipais da Concellería de Servizos Sociais de Ribeira e no que unhas 25 nenas e nenos puideron coñecer un pouco máis sobre os recursos que captura a frota galega e os beneficios que ten consumilos con frecuencia.
A titular de Mar explicou que esta campaña chegará ao longo de todo o verán a preto de 2.000 rapazas e rapaces pois en xullo desenvolvéronse 13 obradoiros nos que participaron arredor de 650 nenas e nenos e entre agosto e setembro desenvolveranse outras 27 xornadas nas que está previsto chegar a outros 1.200 de entre 3 e 14 anos.
A campaña Ti si que es un bo peixe é froito da renovación da iniciativa O sabor da aventura está no mar -na que desde 2010 participaron máis de 82.000 nenas e nenos- para seguir difundindo entre eles de xeito ameno os coñecementos sobre as distintas especies de peixes e mariscos que captura a frota galega e as súas propiedades nutricionais. No pasado curso esta acción chegou a preto de 2.600 escolares e no verán continúa o seu labor de fomento do consumo entre os máis pequenos mediante a súa presenza en campamentos de verán e noutras actividades culturais.
A titular de Mar lembrou que esta é unha das iniciativas que se inclúe na campaña máis ampla da Xunta GALICIA SABE AMAR, coa que o Executivo galego pretende impulsar o consumo de peixes e mariscos entre a cidadanía e difundir a gran variedade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición dos consumidores.
Rosa Quintana salientou que este tipo de accións son máis importantes ca nunca en plena alerta sanitaria polo coronavirus e incidiu na transcendencia de consumir produtos do mar para ter unha alimentación saudable. Nesta liña, destacou que a campaña busca tamén enxalzar a pesca como unha actividade sostible así como o importante labor que realizan os profesionais do mar para subministrar produtos da máxima calidade á cidadanía.

O obradoiro

Ti si que es un bo peixe emprega unha linguaxe próxima ao público ao que vai dirixida e tamén a música como código de comunicación pois unha das pezas desta iniciativa é unha canción con letra e un ritmo fáciles de memorizar. Outro dos elementos protagonistas é o material didáctico, como as siluetas de peixes, que serve para que as rapazas e rapaces aprendan a coñecer e diferenciar as distintas especies de peixes e mariscos. Nesta actividade tamén está presente a realidade virtual mediante o visionado con gafas adaptadas dun vídeo relacionado co motivo da campaña.
A esta acción da Consellería do Mar dirixida ao público infantil e renovada para o pasado curso académico engádese Fai click ao teu bocata, que substituíu a Ponlle as pilas ao teu bocata, co obxectivo de promover o consumo de conservas de produtos do mar entre a poboación máis nova e de ensinarlle a empregar as conservas como base en receitas sinxelas. Estas dúas iniciativas chegaron desde 2010 a máis de 150.000 nenas e nenos de toda Galicia.

Imaxes relacionadas