A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou o campamento 'O sabor do verán'

A Xunta sitúa os campamentos de verán como unha oportunidade para fomentar a aprendizaxe non formal

Os participantes, de entre 10 e 13 anos, introdúcense nas técnicas da cociña creativa ou da repostería, entre outras actividades

Trátase da segunda quenda deste campamento que ten lugar no Centro Superior de Hostalería de Galicia

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, situou os campamentos de verán como unha oportunidade para fomentar a aprendizaxe non formal durante a súa visita ao campamento ‘O sabor do verán’, na que estivo acompañada da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Este campamento está a desenvolver a súa segunda quenda durante estes días no Centro Superior de Hostalería de Galicia e nel mozas e mozos de entre 10 e 13 anos achéganse a técnicas da cociña creativa ou da repostería. Son algunhas das actividades que se complementan con rutas de sendeirismo, obradoiros de reciclaxe ou o coñecemento da flora e da fauna da súa contorna.

A directora xeral de Xuventude destacou que este tipo de iniciativas, ademais de permitir que as familias conten un servizo de conciliación durante a tempada estival, achegan á mocidade novos coñecementos en disciplinas menos coñecidas para eles. O programa rematará mañá domingo.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia lembrou a importancia que ten a gastronomía na oferta turística galega, e que se sitúa ano tras ano no segundo lugar entre as preferencias dos turistas que nos visitan, dacordo cos estudos de demanda que elabora a Axencia de Turismo de Galicia. Tamén se referiu á formación como un dos piares fundamentais da oferta e á necesidade de difundir á poboación os valores gastronómicos xa desde idades temperás aos máis cativos.

Imaxes relacionadas