A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, estivo hoxe na presentación en Santiago de Compostela do contedor de vidro máis grande do mundo

A Xunta colabora na instalación de 55 contedores verdes nos cinco puntos de saída e chegada da Volta Ciclista a España en Galicia

Ángeles Vázquez fai fincapé nos “bos resultados” da reciclaxe de vidro na Comunidade, cunha media de 322 envases depositados por minuto nos iglús verdes en 2020

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2021
Compartir
  • whatsapp

Un total de 55 contedores de vidro instalados nos cinco municipios que servirán de punto de saída ou de chegada da Volta Ciclista a España ao seu paso por Galicia —Santiago, Padrón, Sanxenxo, Mos e Monforte de Lemos— contribuirán a reforzar a sostibilidade dun dos eventos deportivos máis importantes do país.

Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen participou hoxe xunto ao alcalde de Santiago, José Bugallo, e o director de Márketing de Ecovidrio, Borja Martiarena, na presentación do iglú máis grande do mundo, unha instalación de 8 metros de alto, 50 veces maior que un contedor de vidro normal, que estará localizada ata o vindeiro 5 de setembro no Campus Sur universitario.

Grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e Ecovidrio, a conselleira explicou que o paso este ano da Volta Ciclista por territorio galego servirá de escaparate para acoller toda unha serie de accións de impacto co obxectivo de fomentar a reciclaxe e incidir na importancia dos “pequenos xestos” sobre o medio ambiente e a saúde.

“Ligamos deste xeito o deporte co medio ambiente porque é o cóctel perfecto para remover as nosas conciencias. As dos adultos, pero tamén as dos mozos galegos”, declarou Ángeles Vázquez.

Neste sentido, a conselleira referiuse aos “bos resultados” da reciclaxe de vidro en Galicia, cunha media de 322 envases depositados por minuto nos iglús verdes en 2020. Cifras moi importantes, engadiu, xa que supoñen un aforro enerxético equivalente ao consumo de todos os hospitais galegos durante dous meses.

Por iso, confiou no impacto positivo que terán a Volta Ciclista a España e as iniciativas programadas nos municipios galegos polos que pasará de aquí ao día 5 de setembro sobre os hábitos de reciclaxe dos afeccionados a este deporte e da cidadanía en xeral.

Imaxes relacionadas