Trenor visita o local provisional da Oficina de Emprego de Rafael Dieste que será renovada cun investimento de máis de 700.000€
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou está mañá o local provisional ao que se trasladou a Oficina de Emprego ubicada na rúa Rafael Dieste que será obxecto dunha reforma integral cun investimento de máis de 700.000 euros. Esta actuación permitirá mellorar as instalacións e os servizos que se prestan aos usuarios deste centro de emprego.
Durante o tempo que duren as obras, aproximadamente durante un ano, os cidadáns asignados a esta oficina serán atendidos no local provisional acondicionado na praza Luis Seoane, 11, entreplanta.
Esta oficina encádrase dentro das de categoría A, que corresponde a un dos centros de emprego situados nas cidades galegas e que contan cun maior número de persoas atendidas na súa área de localización. Tamén é un centro coordinador das accións de emprego e formación das oficinas da súa área de influencia (A Coruña Centro, A Coruña Tornos, Carballo e Cee).
Esta oficina de emprego atende a un total aproximado de 17.000 persoas desempregadas situándose na cabeza de todas as oficinas da comunidade autónoma, parte do publico obxectivo é da cidade da Coruña e abrangue ademais os municipios de Oleiros, Sada, Cambre, Culleredo, Carral e Cerceda. Este centro dispón de 15 traballadores de Emprego da Xunta.