A Xunta leva a Lugo a exposición itinerante ‘Asinamos ser libres’ para divulgar a figura de Xela Arias
O secretario xeral de Cultura inaugurou a mostra que pode visitarse na Biblioteca xestionada polo Goberno galego e se suma ás mostras bibliográficas do centro
Lugo, 3 de setembro de 2021.- O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe en Lugo a exposición itinerante Xela Arias. Asinamos ser libres, que está percorrer Galicia durante estes meses para achegar a todos os públicos a figura da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021.
Como expresou, trátase dun proxecto incluído na programación cultural deste ano que está a divulgar e promover a figura dunha autora polifacética como Xela Arias “a través dun completo repaso por todas as vertentes profesionais da escritora e difundindo detalles tanto da súa vida, como a súa obra e contexto histórico no que viviu”, expresou.
Promovida pola Xunta, pódese visitar na Biblioteca de Lugo e está comisariada pola profesora e biógrafa de Xela Arias, María Xesús Nogueira, quen deseñou o proxecto composto por 10 áreas temáticas. Inclúe fragmentos de obras e de intervencións da autora con fotografías de Xulio Gil, do Arquivo familiar Arias Castaño e do Arquivo de Edicións Xerais de Galicia.
Como engadiu o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a exposición súmase ás diversas mostras bibliográficas para público infantil e adulto que ofrece o centro bibliotecario ao longo de setembro.
En 11 concellos
A itinerancia continuará nos meses de outono e inverno na Coruña, Ourense, Boiro e Celanova, despois de visitar xa Santiago de Compostela, Vigo, Sarria, Pontevedra, Amoeiro e Outes. Así, a finais de ano a exposición terá pasado por 11 concellos para dar unha visión completa da vida e obra de Xela Arias.