A conselleira do Mar participou na presentación das xornadas de promoción das diferentes ameixas do Golfo Ártabro Norte

A Xunta recoñece coa campaña 'Galicia sabe Amar' o papel vital dos profesionais do mar no subministro de alimentos de calidade á cidadanía

As xornadas de promoción da ameixa do Golfo Ártabro Norte realízanse con cargo ao acordo de colaboración que asina anualmente a Consellería do Mar co grupo de acción local do sector pesqueiro da zona

Rosa Quintana destacou outras iniciativas de valorización dos produtos do mar do Executivo galego e o I Foro de fomento de consumo de peixe, alimentación saudable e sostible na dieta atlántica, DIETLÁNTICA, que se celebrará os próximo luns e martes
 

Miño (A Coruña), 9 de setembro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Miño a necesidade de valorizar e difundir os beneficios dos produtos do mar de Galicia e das súas potencialidades culinarias e nutricionais. Nesta liña, puxo de relevo a importancia de contar con iniciativas de promoción como a campaña GALICIA SABE AMAR como mostra do recoñecemento ao sector e ao seu papel vital no subministro de peixes e mariscos de calidade á cidadanía, especialmente en momentos de dificultade como os da pandemia da covid-19.

Así o sinalou durante a presentación das xornadas de promoción dos diferentes tipos de ameixa do Golfo Ártabro Norte e a celebración da primeira delas, que inclúe a degustación de ameixa fina da confraría de pescadores de Miño. Trátase unha actividade do grupo de acción local do sector pesqueiro desta zona que ten como fin promocionar este marisco e que á súa vez pon en valor o traballo das confrarías de pescadores deste ámbito territorial. Esta actuación, explicou a conselleira, realízase con cargo ao acordo de colaboración que asina anualmente a Consellería do Mar con este GALP.

Neste sentido, Rosa Quintana destacou que estas xornadas difundirán os diferentes tipos de ameixa -a babosa, a bicuda, a fina, a rubia e a xaponesa- e súmanse “á gran aposta conxunta do sector e da Administración galega para potenciar o consumo dos produtos do mar”.

Con ese obxectivo esta iniciativa prevé, entre outras accións, a celebración de xornadas técnicas das diferentes ameixas nas confrarías de pescadores do Golfo Ártabro Norte cunha degustación do produto, a elaboración dun catálogo en liña cos diferentes tipos de ameixa e unha exposición itinerante. Ao mesmo tempo, a titular de Mar felicitou ao GALP da zona por este traballo de valorización da ameixa, “un produto de gran peso gastronómico”, sinalou.

Ademais a conselleira aproveitou a ocasión para lembrar as iniciativas que precederon a GALICIA SABE AMAR, entre elas O noso mar, marca, formado por diversos vídeos en formato de 360º na que os protagonistas son as distintas artes de pesca e o seu método de emprego por cada segmento profesional. Tamén fixo referencia a O mar que nos move, que facía fincapé na problemática do furtivismo e no seu impacto na economía.

A todas elas engádense as campañas destinadas ao público infantil que foron renovadas recentemente e que son Ti si que es un bo peixe, que substitúe a O sabor da aventura está no mar, e Fai click ao teu bocata, que releva a Ponlle as pilas ao teu bocata. Outra campaña que mencionou a titular de Mar é Vai de peixe, destinada a impulsar o consumo dos produtos do mar e da acuicultura de Galicia na franxa de idade que vai dos 18 aos 35 anos, a coñecida como xeración millennial.

A todas estas iniciativas súmase o I Foro de fomento de consumo de peixe, alimentación saudable e sostible na dieta atlántica, DIETLÁNTICA, que se celebrará os próximos luns en Santiago de Compostela e martes en Ribeira. Este evento terá como protagonistas aos peixes, mariscos e algas de Galicia e por voceiros das súas virtudes a expertos dos ámbitos da sanidade, da gastronomía e da investigación aplicada.

Imaxes relacionadas