A Xunta veda a pesca deportiva nas augas do encoro de Vilagudín
Ao longo desta semana os axentes medioambientais recolleron exemplares mortos de gaivota patiamarela; así como algún vivo, trasladado ao centro autonómico de Oleiros para a súa recuperación
A Xunta de Galicia vedará a pesca nas augas do encoro de Vilagudín (Ordes). O Diario Oficial de Galicia do vindeiro luns publicará a Resolución pola que se prohibe esta práctica deportiva, tras o episodio de mortandade detectado nas inmediacións deste embalse.
A Consellería de Medio Ambiente toma esta decisión tras os episodios de mortandade de aves rexistrado e para evitar afeccións á fauna ictícola neste encoro.
Desde o pasado 7 de setembro, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural ten constancia da presenza de exemplares mortos de gaivota patiamarela, na contorna deste encoro. Á vista das primeiras observacións -e tendo en conta a experiencia en episodios anteriores similares- a variabilidade da dieta desta especie, e as condicións meteorolóxicas propias desta época do ano suxire unha posible intoxicación.
Os axentes medioambientais tamén recolleron animais vivos, que foron trasladadas ao Centro de recuperación de fauna silvestre de Oleiros (A Coruña), para recibir atención veterinaria e onde evolucionan favorablemente. Paralelamente, a Consellería mantén as inspeccións na contorna, para facer un seguimento da evolución do incidente.
En todo caso, a veda de pesca nas augas encoradas en Vilagudín manterase ata que se determinen as causas deste episodio e o seu impacto sobre a fauna e o estado do medio acuático.