Galicia convértese na segunda Comunidade española con máis superficie declarada como Reserva da Biosfera

Coa proclamación da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, algo máis dun millón de hectáreas do territorio galego, o 34,9% da Comunidade, goza xa deste recoñecemento internacional, unha extensión que só supera Andalucía

Tras a recente decisión da Unesco, a Comunidade galega ascende varias posicións na clasificación nacional e pasa a ocupar o terceiro posto, empatada con Asturias e Canarias con sete reservas declaradas en cada unha
 

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

Tras a declaración oficial o pasado mércores da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, Galicia converteuse na segunda comunidade autónoma española con máis superficie avalada por este recoñecemento internacional, consolidándose así á cabeza de España no que respecta a esta prestixiosa figura de protección.

As sete reservas da biosfera galegas esténdense por un total de 1,03 millóns de hectáreas terrestres, unha superficie tan só superada por Andalucía —que conta con nove figuras deste tipo cunha extensión de 1,4 millóns de hectáreas—, e que representa o 15,8% do territorio que ocupan as 53 figuras deste tipo declaradas en España.

Ademais de ser a segunda comunidade española con máis superficie terrestre declarada como reserva da biosfera, Galicia tamén ocupa a segunda posición a nivel nacional tendo en conta o peso que teñen estes espazos con relación á superficie total da Comunidade.

Así, coa incorporación á Rede Mundial de Reservas da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel —a segunda máis extensa da Comunidade e que abrangue 18 municipios de Lugo, 5 de Ourense e un total de 306.535 hectáreas—, o 34,9% da superficie terrestre de Galicia conta xa con este recoñecemento internacional, unha porcentaxe que supera unicamente Canarias, onde o 62,8% da superficie insular está incluída nalgunha das súas sete reservas da biosfera.

Así mesmo, coa declaración da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel por parte da Unesco, Galicia sobe da quinta á terceira posición en canto a número de reservas da biosfera, empatada con Asturias e Canarias, con sete cada unha delas.

En definitiva, a proclamación oficial da sétima reserva da biosfera de Galicia trátase dun fito moi importante para a Comunidade, xa que reflicte a aposta decidida da Xunta nos últimos anos por este tipo de figuras de protección co obxectivo dobre de preservar o patrimonio natural galego e, á vez, garantir a súa compatibilidade e equilibrio co aproveitamento e os usos sostibles do territorio.

 

Imaxes relacionadas