A Xunta destaca a potencialidade de Galicia como escenario para o deporte de aventura e para o turismo deportivo e de natureza

Na presentación da Raid Gallaecia Adventure Racing World, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, salientou a importancia do campionato mundial como escaparate de Galicia e do Camiño de Santiago e como modelo de turismo de calidade, sostible, desestacionalizado e diferenciado

Na primeira quincena de outubro, un centenar de equipos de vinte países competirán en Galicia ao longo de 620 quilómetros para acadar o título de campión mundial nas modalidades de ciclismo de montaña, trekking e kayak
 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

Na presentación da Raid Gallaecia Adventure Racing World, que tivo lugar hoxe na Cidade da Cultura, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a potencialidade de Galicia como marco incomparable para o deporte de aventura e para o turismo deportivo e de natureza. No campionato mundial de deporte de aventura que se vai celebrar en Galicia na primeira quincena de outubro, Alfonso Rueda salientou a importancia deste evento como escaparate de Galicia e do Camiño de Santiago e como modelo turístico de calidade, sostible, desestacionalizado e diferenciado.
O campionato mundial do mundo de carreiras de aventura, nas modalidades de ciclismo de montaña, trekking e kayak, reunirá en Galicia a un centenar de equipos de vinte países que competirán polo título mundial nas súas modalidades. As competicións deportivas vanse celebrar ao longo de 620 quilómetros en diferentes paraxes galegas das provincias da Coruña, Lugo e Ourense, como as Fragas do Eume, a Serra do Caurel, a Ribeira Sacra ou Manzaneda, e percorrerá distintos tramos do Camiño Francés, o Camiño Primitivo, o Camiño do Inverno, o Camiño Inglés e o Camiño do Norte, polo que será un mostrario das potencialidades de Galicia para o turismo de natureza e deporte.
Nun acto no que Alfonso Rueda estivo acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o vicepresidente primeiro salientou a importancia deste evento nun momento tan significativo para Galicia como o dobre Ano Santo, xa que o campionato mundial de deporte de aventura terá unha repercusión internacional sen precedentes, cunha potencial audiencia de 750 millóns de persoas que coñecerán as potencialidades de Galicia e as posibilidades do Camiño de Santiago como destino seguro e de calidade.
Coa celebración da Raid Gallaecia Adventure Racing World, patrocinada pola Xunta no marco da programación do Xacobeo, Galicia converterase na capital mundial do deporte de aventura, unha das apostas de Turismo de Galicia para a captación do novos perfís de visitantes, como se ten demostrado coa celebración do Marisquiño, que incide no deporte urbano, ou con outras propostas centradas no deporte de natureza e no turismo ao aire libre, como o ciclismo de montaña, o desenvolvemento do turismo náutico ou as rutas de sendeirismo.