A Xunta aproba 61 cursos de acción formativa para desempregados nas bisbarras de Pontevedra e Caldas cun investimento de 2,5 M€

O delegado territorial, Luis López, informa desta resolución da Consellería de Emprego e Igualdade nunha visita ás instalacións de Serviocio BeOne Campolongo, que impartirá nove cursos cunha achega de case 300.000€

As iniciativas AFD comezarán o vindeiro mes de outubro en 13 entidades destas comarcas cunha carga lectiva global de preto de 27.000 horas

“Tras a concesión dunha vintena de obradoiros de emprego na provincia, a Xunta segue apostando pola formación e a inserción laboral e impulsa 329 cursos cun investimento de 14,6 millóns de euros”, explica o representante autonómico

Pontevedra, 21 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, acaba de aprobar 61 cursos de Acción Formativa para Desempregados (AFD) nas bisbarras de Pontevedra e Caldas cun investimento de máis de 2,5 millóns de euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución esta mañá nunha visita ás instalacións de Serviocio BeOne Campolongo, que é unha das entidades beneficiarias e que impartirá nos vindeiros meses nove cursos de Socorrismo en instalacións acuáticas e Docencia de formación profesional para o emprego grazas a unha achega autonómica de 298.647 euros.
“Tras a concesión dunha vintena de obradoiros de emprego na provincia cun orzamento de máis de 6,5 millóns de euros, dende a Xunta seguimos apostando pola formación, pola empregabilidade e pola inserción laboral e por iso imos impulsar un total de 329 cursos AFD por todas as bisbarras de Pontevedra cun novo investimento de 14,6 millóns de euros”, explicou o representante autonómico.
As Accións Formativas para Desempregados comezarán o vindeiro mes de outubro e prolongaranse, segundo o caso, ata o vindeiro mes de xuño, xa que a súa duración oscila entre as 38 e as 828 horas dependendo do contido.
En total serán 13 as entidades que impartirán os 61 cursos AFD nas comarcas de Pontevedra e Caldas cunha carga lectiva global de 26.923 horas. As empresas, colectivos ou institucións encargados desta formación son Aepo Poio, Ara Negocios, Autoescola Cíes, Academia Postal 3, Consultora Monte Alto, Forga, Magnafor Qualitas, Serviocio BeOne Campolongo, Eurotec Inspección, Concello de Cuntis, Adalid Servicios Corporativos e Quattro Formación Bueu.
En canto aos curso AFD que se impartirán nestas comarcas, a tipoloxía é moi variada e inclúe linguas estranxeiras, competencias clave en galego, operacións de redes departamentais, xestión de produción en fabricación mecánica, organización de transporte e distribución, operacións de sistemas informáticos, márketing, automatización industrial, transporte sanitario, condución de vehículos pesados, infraestruturas de telecomunicacións, instalacións frigoríficas, socorrismo, actividades auxiliares de almacén, atención sociosanitaria a dependentes, conservación de montes, operacións portuarias, comercio electrónico, industria 4.0, loxística, ciberseguridade, posicionamento web e redes sociais ou soldadura, entre outras.

Imaxes relacionadas