Luis López anuncia que a Xunta concede 47 cursos AFD de formación para desempregados na bisbarra do Salnés cun investimento de 1,6 M€
O delegado territorial informa desta resolución da Consellería de Emprego e Igualdade, acompañado da presidenta da Mancomunidade, Marta Giráldez, no acto de clausura do obradoiro de emprego dual Hostalería do Salnés XII
As iniciativas AFD na comarca arousana comezarán o vindeiro mes de outubro a través de 12 entidades, empresas e institucións cunha carga lectiva global de preto de 20.000 horas
“Tras a recente concesión de cinco novos obradoiros de emprego no Salnés, catro duais e un xuvenil, a Xunta segue apostando pola formación e a inserción laboral cos cursos AFD para esta zona, onde se mellorará a empregabilidade de máis de 800 persoas con ambas iniciativas”, explica o representante autonómico
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe que a Consellería de Emprego e Igualdade vén de aprobar a celebración de 47 cursos de Acción Formativa para Desempregados (AFD) na bisbarra do Salnés cun investimento de máis de 1,6 millóns de euros.
O representante autonómico informou desta resolución esta mañá, acompañado pola presidenta da Mancomunidade do Salnés, Marta Giráldez, dos alcaldes de Sanxenxo e Meaño, Telmo Martín e Carlos Viéitez, e doutros representantes municipais da comarca, no acto de clausura do obradoiro de emprego dual Hostalería do Salnés XII, celebrado no Real Clube Náutico de Sanxenxo.
“Tras a recente concesión de cinco novos obradoiros de emprego no Salnés, catro duais e un xuvenil, cun investimento de case 1,8 millóns de euros, dende a Xunta seguimos apostando pola formación, pola empregabilidade e pola inserción laboral e por iso imos impulsar case medio cento de cursos AFD nesta zona”, explicou o representante autonómico, que revelou que no período 2021/2022 haberá un total de 329 cursos AFD na provincia de Pontevedra cun investimento global de 14,6 millóns de euros.
Deste xeito, a comarca do Salnés disporá, nos próximos nove meses, de obradoiros de emprego en Vilanova (2), Vilagarcía de Arousa, O Grove e a Mancomunidade cun cento de participantes e 47 cursos AFD con máis de 700 asistentes. Así, mellorarase a empregabilidade e as oportunidades laborais de 805 veciños da bisbarra arousana cun investimento de case 3,5 millóns de euros entre ambas iniciativas.
As Accións Formativas para Desempregados na comarca do Salnés comezarán o vindeiro mes de outubro e prolongaranse, segundo a súa carga lectiva, ata o remate da primavera de 2022. As entidades que impartirán estes cursos son as seguintes: Aepo, Autoescola Sálvora, Campuscip, Centro de Formación e Infomática Mapa, Centro de Formación Sálvora, Concello de Vilanova, Confederación de Empresarios de Pontevedra, Elisa Estévez Rodríguez, Grupo Informático de Galicia, Kaeme Consultoría y Prevención, System Vilagarcía e Ten Diez Formación.
Clausura do obradoiro
Polo demais, no acto de clausura oficial do obradoiro de emprego dual Hostalería do Salnés XII, o delegado territorial, Luis López, presidíu a entrega de diplomas e trasladou, en nome da Xunta, os parabéns aos vinte alumnos-traballadores “por aproveitar estes nove meses de formación, por mellorar a vosa empregabilidade nun sector cunha elevada saída laboral, especialmente na bisbarra do Salnés, por obter unha remuneración nestes difíciles meses de pandemia e por contribuír ao beneficio social cos servizos e infraestruturas públicos que se prestaron ao abeiro do plan formativo”.
Ademais, reiterou que a Xunta de Galicia acaba de conceder á Mancomunidade do Salnés a decimoterceira edición desta iniciativa laboral de formato dual, que agora comezará co seu proceso de selección para arrancar coas súas actividades no mes de outubro, grazas a unha achega de 347.000 euros da Consellería de Emprego e Igualdade.