A Xunta formaliza a incorporación de novos integrantes de Protección Civil ás agrupacións de Marín, Poio e Meis

O delegado territorial, Luis López, realiza a entrega de carnés nun acto celebrado na explanada do edificio administrativo da Xunta en Pontevedra coa presenza da alcaldesa María Ramallo, as concelleiras Marga Caldas e Araceli Maquieira e representantes das tres entidades

Repartíronse cinco identificacións ás agrupacións de Meis e Marín, respectivamente, un á de Poio e están pendentes de entrega, en vindeiras datas, outras oito para o colectivo de voluntarios de Lalín

Pontevedra, 22 de setembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presidiu esta mañá a formalización de incorporación de novos integrantes de Protección Civil ás agrupacións dos municipios de Marín, Poio e Meis nun acto oficial de entrega de carnés celebrado no edificio administrativo de Campolongo.
O representante autonómico estivo acompañado pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, as concelleiras de Poio e Meis Marga Caldas e Araceli Maquieira, o xefe provincial de Emerxencias, Miguel Ángel Pérez Dubois, e por presidentes e outros membros destas entidades e destacou a importancia deste proceso de identificación, tanto para os novos integrantes como para os membros que deben renovar a súa adscrición cada catro anos.

“A Xunta ten un compromiso absoluto coa resolución das emerxencias e coa atención, o máis cercana posible, aos cidadáns, polo que toda colaboración e mellora son necesarias, incluso no aspecto administrativo, xa que axuda a ter unha relación completa de membros e valorar axeitadamente o peso das agrupacións”, sinalou Luis López.

Este acto, enmarcado no proceso de actualización e regularización das Agrupacións de Protección Civil da provincia de Pontevedra, permitiu entregar cinco carnés ás entidades de Marín e Meis, respectivamente, e un á de Poio, quedando só pendente, para vindeiras datas, a distribución de oito carnés á entidade de Lalín.

Deste xeito, Protección Civil de Marín pasa a ter 34 integrantes, Meis sitúase en 42, mentres que Poio xa chega aos 30.
“Temos 33 agrupacións na provincia, que fan un gran traballo con vocación de servizo público, e que contan coa colaboración da Xunta tanto na entrega de achegas para o seu funcionamento como na dotación de material de primeiro nivel para as emerxencias”, concluiu Luis López, que lembrou que estas tres agrupacións recibiron, nos últimos cinco anos, achegas do Goberno galego por riba dos 150.000 euros de xeito conxunto.

Imaxes relacionadas