A Xunta clausura o obradoiro de Guntín, O Corgo e o Páramo, que inicia unha nova edición en outubro
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, entregou os diplomas ás 20 persoas participantes no taller ‘Ponte de Areas IV’, que traballou na rehabilitación de vellas escolas de Guntín e O Corgo e da antiga Casa do Concello do Páramo
A Consellería de Emprego e Igualdade destina 694.000 euros en dous anos a fomentar o emprego nestes municipios a través dos obradoiros
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, entregou hoxe os diplomas aos 20 alumnos traballadores que se formaron nos últimos meses no obradoiro de emprego Ponte de Areas IV. Tamén estiveron a alcaldesa de Guntín, María José Gómez, e representantes municipais dos outros dous concellos promotores, O Corgo e O Páramo.
Arias explicou que a partir de outubro estará en marcha a quinta edición desta iniciativa, impulsada polos mesmos concellos e financiada pola Consellería de Emprego e Igualdade, que destinou 694.000 euros nos dous últimos anos a mellorar os perfís profesionais de persoas desempregadas destes municipios a través de ambos obradoiros.
“Os participantes teñen acceso a un contrato de traballo e reciben unha formación axustada ás demandas do tecido produtivo”, dixo Arias, quen incidiu en que “ao finalizar obteñen un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado para acreditar esa capacitación”. O obradoiro que agora remata impartiu tres especialidades: operacións auxiliares de ‘Albanelería de fábricas e cubertas’ e ‘Revestimentos lixeiros e técnicos en construción’ e ‘Fábricas de albanelería’.
Entre as actuacións realizadas figuran traballos de recuperación de vellas escolas –a de Guntín e as de Maceda e Agros, no Corgo-; obras de restauración da antiga Casa do Concello do Páramo para adicala a usos sociais; e a recuperación de mobiliario urbano no paseo fluvial do río Ferreira (Guntín).
Arias tamén resaltou que a Xunta incrementou este ano o orzamento da convocatoria de obradoiros duais para poder ofrecer oportunidades laborais a máis persoas sen emprego. No conxunto da provincia de Lugo o investimento ascende a 7,1 millóns de euros para financiar 20 novos obradoiros duais de emprego que se levarán a cabo en 55 concellos a partir de outubro.