Luis López anuncia que a Xunta considera a Vilagarcía de Arousa como 'concello prioritario' para a formación, a inserción e a creación de emprego
O delegado territorial clausura o obradoiro de emprego dual Forme 2020, acompañado polo alcalde, Alberto Varela, tras nove meses de formación en Atención Sociosanitaria en Domicilio e Teleasistencia e Traballos de Carpintaría e Moble
A iniciativa laboral, que mellorou a empregabilidade dos 20 participantes, vai ter continuidade dende o vindeiro mes de outubro coa posta en marcha de Forme 2021, no que a Xunta inviste novamente preto de 350.000€
O representante autonómico destaca que o Goberno galego destinou máis de 2 millóns de euros nos dous últimos anos a formación laboral na capital arousana entre obradoiros de emprego, programas integrados e cursos AFD
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, cualificou hoxe a Vilagarcía de Arousa como “un dos concellos prioritarios” para o Goberno galego nos ámbitos da formación laboral, a inserción e a creación de emprego.
“Vilagarcía de Arousa e a comarca do Salnés son un dos motores económicos da provincia e por iso estamos destinando numerosos recursos para mellorar a empregabilidade dos seus veciños. Na comarca estamos a impulsar cinco novos obradoiros de emprego e preto de 50 cursos AFD e, só na capital arousana, levamos investido máis de 2 millóns de euros nos últimos dous anos nesta materia entre talleres, programas integrados ou formación para desempregados”, detallou o representante autonómico.
O delegado territorial informou de todas estas accións da Xunta a prol da xeración de postos de traballo no acto oficial de clausura do obradoiro de emprego dual Forme 2020, que se celebrou este mediodía no auditorio municipal e no que estivo acompañado polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela.
Esta iniciativa laboral autonómica, financiada con 350.000 euros por parte da Consellería de Emprego e Igualdade, formou a unha vintena de persoas desempregadas durante os últimos nove meses nos módulos de Atención Sociosanitaria en Domicilio e Teleasistencia e Traballos de Carpintaría e Moble.
No acto de clausura, Luis López procedeu á entrega dos diplomas acreditativos xunto cos representantes municipais e trasladou, en nome da Xunta, os parabéns aos vinte alumnos-traballadores “por aproveitar estes nove meses de formación, por mellorar a vosa empregabilidade en dous sectores con boas perspectivas laborais, por obter unha remuneración nestes difíciles meses de pandemia e por contribuír ao beneficio social cos servizos e infraestruturas públicos que se prestaron ao abeiro do plan formativo”.
Novo obradoiro Forme 2021
Ademais, informou que a Xunta de Galicia vaille outorgar continuidade a este labor formativo, xa que acaba de conceder ao Concello de Vilagarcía de Arousa o obradoiro de emprego dual Forme 2021, que agora comezará co seu proceso de selección dos vinte novos participantes para arrancar coas súas actividades no mes de outubro grazas a unha achega de 347.000 euros da Consellería de Emprego e Igualdade. Nesta ocasión, manterase o módulo de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio e incorporase, como novidade, a ensinanza de Operacións Auxiliares de Redes Eléctricas.
Deste xeito, a Xunta de Galicia vai poñer en marcha, dende o vindeiro mes, cinco obradoiros de emprego -catro duais e un xuvenil- e 47 cursos AFD de formación para desempregados na bisbarra do Salnés cun investimento de case 3,5 millóns de euros que permitirán mellorar a empregabilidade duns 800 arousáns.