A Xunta incorporará este curso unha trintena de centros ao programa 'Radio na Biblio'
O Portal Educativo publica a convocatoria desta iniciativa, que ten como obxectivo impulsar o uso das ondas como ferramenta pedagóxica
Neste momento participan na iniciativa un total de 109 centros escolares
A Xunta de Galicia incorporará este curso unha trintena de novos centros ao programa Radio na Biblio, que ten como obxectivo promover a creación de emisoras/laboratorios de radio nas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado. O Portal Educativo vén de publicar a convocatoria para que os centros interesados se sumen a este programa, no que xa participan 109 colexios e institutos de toda Galicia.
Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2021/2025 de Bibliotecas Escolares, que contempla o reforzo dos programas que inciden na formación do alumnado no seu acceso aos medios de comunicación,como é o caso, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.
A posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento de competencias clave a través de tarefas complexas que involucran diversas habilidades e destrezas, permitindo o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas do centro educativo.
Tras catro convocatorias do programa Radio na biblio e a súa implantación en 109 centros educativos, obsérvanse excelentes resultados pola motivación que supón este medio para o alumnado e as oportunidades que abre para as bibliotecas á hora de ampliar e diversificar o tipo de proxectos colaborativos ou de actividades de carácter interdisciplinario que poden deseñar, cun enfoque comunicativo e de reforzo das competencias clave como horizonte.
Beneficiarios
Poderán participar na convocatoria os centros públicos de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato ou FP integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). A persoa responsable da biblioteca deberá coordinar e garantir a integración da iniciativa no centro. Os seleccionados recibirán ata 2.000 euros de fondos para a posta en marcha dun laboratorio de radio (incluíndo un obradoiro de formación). Para iso contarán co apoio da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería, que orientará o seu desenvolvemento e porá á súa disposición recursos e propostas.
Así mesmo, os 109 centros que xa participan no programa deberán solicitar, se así o desexan, a súa continuidade no programa. Neste caso, recibirán unha asignación de 500 euros por centro para a realización de obradoiros de formación específica para o funcionamento da emisora ou ben de lectura expresiva ou de mellora da expresión oral.