Arias subliña que o proxecto de orzamentos da Xunta para Lugo incrementa en 67M€ os do pasado ano ata alcanzar os 1.611M€

A provincia está á cabeza do investimento per cápita en toda Galicia, con 4.926 euros por habitante, facendo un esforzo sen precedentes en gasto social, sanidade, educación e emprego

Lugo, 20 de outubro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou o novo incremento incluído no proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para a provincia de Lugo, cifrado en 67 millóns de euros, ata alcanzar os 1.611 totais, o que supón un aumento do 4,3 por cento respecto ao pasado exercicio. Ademais sinalou que se trata dunhas contas que “sitúan á provincia de Lugo á cabeza do investimento per cápita da comunidade, con 4.926 euros por habitante”.

En liñas xerais, o máximo responsable da Xunta en Lugo explicou que son uns orzamentos “pensados para impulsar a recuperación económica e ampliar e modernizar os servizos públicos”. Neste sentido, subliñou o “reforzo sen precedentes no gasto social, que supón que de cada 10 euros do orzamento, máis de 7 se aplican a financiar o incremento do investimento en sanidade, educación, políticas sociais e emprego”.

No caso concreto da provincia de Lugo, as partidas xa territorializadas comprometen máis de 8 millóns de euros a obras como a construción do Centro Integral de Saúde de Lugo, o Plan Director do Hospital de Monforte, o novo proxecto de reforma do Hospital da Mariña ou o inicio da obra do novo centro de saúde de Antas de Ulla. Igualmente, recollen máis de 10 millóns de euros para a actualización de equipamentos cirúrxicos e de alta tecnoloxía nos centros sanitarios de Lugo.

Respecto ao proxecto de orzamento da Consellería de Educación, Cultura e Universidades inclúe máis de 7,6 millóns de euros destinados a executar os proxectos de maior envergadura na provincia de Lugo. En Educación destacan, por exemplo, a rehabilitación integral dos colexios de Paradai e Anexa, a dos institutos Ánxel Fole, Lucus Augusti e Ollos Grandes. Tamén na provincia levaranse a cabo importantes actuacións en colexios e institutos como a ampliación do IES María Sarmiento, de Viveiro, e a rehabilitación integral dos colexios Gregorio Sanz, de Ribadeo, e Virxe da Luz, de Portomarín.

Tamén en Cultura, a provincia de Lugo conta cun investimento destacado para dar continuidade ao Plan de Catedrais, coas actuacións nos templos de Lugo, Mondoñedo e Foz; na Muralla de Lugo e en Santa Eulalia de Bóveda, co desenvolvemento do Plan Director; e na restauración da Igrexa de San Pedro, de Lugo, ou do Cardeal, de Monforte.

As políticas e actuacións enmarcadas na mellora da calidade de vida e na diversificación económica nas zonas rurais terán un investimento importante. De feito, xa están comprometidos máis de 100 millóns de euros en proxectos concretos para a provincia de Lugo. Ademais, a Xunta impulsará outras actuacións encamiñadas á mellora da renda agraria, á produción de alimentos sans e seguros, á mellora da transformación e a comercialización dos produtos, e tamén á innovación tecnolóxica e á valorización do monte.

No tocante ao gasto en servizos sociais, a Xunta continúa ampliando os servizos e mellorando as instalacións. Neste último apartado, prevé investimentos por importe total de 6,1 millóns de euros na remodelación de centros residenciais da provincia.

O emprego seguirá a ser un dos eixos fundamentais, logo da intensidade dos apoios que durante este último ano axudaron ao mantemento dos sectores que se viron máis comprometidos pola situación sanitaria. Neste sentido, Arias asegurou que “o proxecto de orzamentos do 2022 é ambicioso e busca superar os niveis de riqueza prepandemia”, favorecendo a modernización do tecido produtivo.

Ao respecto, cómpre destacar os 27,4 millóns de euros destinados á consolidación do Polo Aeroespacial de Rozas, co fin de impulsar a comercialización de novos produtos e crear emprego cualificado.

Infraestruturas

As contas da Xunta tamén avanzan na modernización das infraestruturas. En Lugo hai previstas actuacións concretas por máis de 74 millóns de euros, entre as que destacan o impulso ás estradas e as obras de saneamento e abastecemento.

A mellora de infraestruturas portuarias tamén copa algúns dos capítulos máis destacados da inversión da Xunta en Lugo con distintas melloras en portos como os de Celeiro, Burela, San Cibrao ou Ribadeo.

Afondando na recuperación dos nosos cascos históricos, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destina nos orzamentos de 2022 uns 3,2 millóns de euros ao programa Rexurbe, para adquisición de edificios deteriorados das zonas antigas de Mondoñedo (primeira área Rexurbe da provincia), Viveiro, Ribadeo, Lugo e Vilalba, coa finalidade de ser rehabilitadas e posteriormente destinadas a vivenda.

Por outra banda, a Xunta inviste máis de 6 millóns de euros para continuar mellorando e ampliando solo industrial na provincia, concretamente en As Gándaras, O Corgo, Muimenta (Cospeito), Palas de Rei, Meira, Castro de Riberas de Lea, A Pontenova e Taboada.

Neste 2022, a Xunta de Galicia ten consignado ademais 10,6 millóns de euros á promoción e potenciación do turismo, con especial acento no segundo ano Xacobeo. Esta partida se investirá en distintas actuacións relacionadas co Camiño e coas distintas rutas xacobeas ao seu paso pola provincia de Lugo.