A Xunta inviste máis de 3,4M€ en 21 centros educativos da Coruña para adaptalos ao Plan de nova arquitectura pedagóxica pos-covid

Gonzalo Trenor visitou o CEIP Salgado Torres no que se investiu máis de 276.000 euros na substitución da cuberta

A Coruña, 22 de outubro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o CEIP Salgado Torres, no que a Xunta acometeu a substitución da cuberta cun investimento de máis de 276.000 euros que supuxo adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con máis de 191 millóns de euros. A actuación ten un prazo de execución de dous meses.

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, supervisou co equipo directivo o resultado das obras e destacou o importante esforzo inversor que levará a cabo a Xunta nos orzamentos do vindeiro ano para a mellora dos centros educativos no contexto pos-covid.

Este investimento únese as grandes obras comprometidas coa cidade como son a renovación doutras dúas cubertas e outra dun instituto da cidade da Coruña, nos que a Xunta investirá máis dun millón de euros. Os centros beneficiados son os CEIP Plurilingüe Alborada e o Plurilingüe San Pedro de Visma, así como o IES Plurilingüe Elviña. Ademais, no IES Agra Orzán levarase a cabo a renovación da súa cuberta e das súas carpinterías por un importe de máis de 380.000 euros.

O Goberno galego tamén levará a cabo a reforma da cuberta e da fachada norte e sur do IES Rafael Dieste por un importe de 468.000 euros. Ademais, a Xunta investirá no IES Eusebio da Garda outro millón de euros que unido ás partidas xa comprometidas e executadas eleva o investimento neste centro educativo da cidade a 2 millóns de euros. En total, en grandes actuacións a Xunta investirá na cidade da Coruña máis de 2,9 millóns de euros para a mellora de sete colexios e institutos.

A planificación da Xunta tamén contempla outras 29 actuacións de menor envergadura de mantemento en 14 centros educativos que suman en total case medio millón de euros

Con estes investimentos a Xunta, ten comprometidos polo de agora coa cidade da Coruña 36 obras en 21 centros educativos por máis de 3,4 millóns de euros.

Segundo explicou o representante do Goberno autonómico, estas importantes actuacións teñen por obxectivo primordial mellorar o confort dos alumnos e profesores que cada día interactúan nos centros e vai na liña das pautas marcadas no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia do Goberno galego no que se recollen aprendizaxes adquiridos na pandemia para a mellora de colexios e institutos.

Este plan supón avanzar nun novo concepto de centros educativos ao servizo dos novos retos educativos do futuro que pasan por atender non unicamente as necesidades académicas, senón tamén as sanitarias e as tecnolóxicas.

Infraestruturas ao servizo dos retos educativos
Trenor lembrou que a Xunta ten a responsabilidade de coidar a máximo os centros educativos, xa que “é o lugar onde os nosos fillos pasan a meirande parte do seu tempo, e non só para a adquisición de coñecementos, senón onde interactúan cos seus compañeiros, onde xogan e onde aprenden a socializar”, subliñou.

Así mesmo, lembrou que pola súa parte os concellos teñen tamén a obriga de levar a cabo o mantemento ordinario e diario dos centros, segundo o acordo asinado coa FEGAMP no ano 2007. Neste senso, recalcou que en moitos centros da cidade non se leva a cabo este mantemento de xeito adecuado o que provoca un importante deterioro dos mesmos. O delegado da Xunta avogou para que todas a administracións cumpran coas súas obrigas para garantir o bo funcionamento do sistema educativo en beneficio de todos.

Trenor recalcou que a Xunta de Galicia levará a cabo un esforzo inversor histórico na cidade da Coruña no eido educativo e mostrou a súa confianza en que o Goberno local faga o mesmo esforzo en beneficio de toda a comunidade educativa.
 

Imaxes relacionadas