A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou hoxe na inauguración deste evento, que se celebra entre hoxe e mañá na Cidade da Cultura

A Xunta reúne a 200 mozas e mozos creativos e emprendedores no encontro Mo_cidade 2021

Preto de 30 relatores compartirán coa xuventude a súa experiencia e percorrido, como o CEO e cofundador da empresa tecnolóxica Aleutos ou a deseñadora de moda da marca Coosy

Dez asociacións xuvenís contarán con stands divulgativos e realizaranse charlas con temáticas diferentes como redes sociais, novas tecnoloxías ou cultura

Os participantes, que proceden de distintos puntos da xeografía galega, tamén poderán asistir a concertos e contarán con almorzo gratuíto e aloxamento no Monte do Gozo

Durante o encontro entregaranse os premios Xuventude Crea 2021 nas categorías de Videocreación e Videoxogos

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2021

A Xunta reúne a 200 mozas e mozos creativos e emprendedores na segunda edición do encontro Mo_cidade que ten lugar entre hoxe e mañá na Cidade da Cultura, e que se pode seguir por streaming a través da canle de Youtube de Xuventude. A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou esta tarde na inauguración deste evento, onde destacou que o Goberno galego continúa ofrecendo oportunidades e programas para que a xuventude consiga “abrirse camiño, ter voz propia e demostrarnos do que son capaces”.

A conselleira lembrou algunha das iniciativas coas que a Xunta anima a xuventude a divulgar as súas ideas e convertelas en proxectos reais. Neste sentido, puxo en valor o Xuventude Crea, cuxos premios na categoría de Videocreación e Videoxogos se coñecerán durante este evento, e que premiou durante a última década a centos de mozos en 14 categorías diferentes. Ademais, destacou o impacto do Iniciativa Xove, que ofrece axudas económicas para que as mozas e mozos poñan en marcha proxectos innovadores.

Preto de 30 relatores

Os participantes do Mo_cidade poderán asistir a mesas redondas e charlas sobre emprendemento e creatividade, así como a concertos de música que estarán a cargo de Battosai, Dani, Marem Ladson e Oh! Ayatollah. O programa desta edición estará conformado por preto de 30 relatores ou expertos que compartirán coa xuventude a súa experiencia e o percorrido como, por exemplo, o CEO e cofundador da empresa tecnolóxica Aleutos ou a deseñadora de moda da marca Coosy.

Tamén participan 10 asociacións xuvenís que contarán con stands divulgadores e realizaranse nove charlas con temáticas diferentes como redes sociais, emprendemento innovador, novas tecnoloxías, cultura e creatividade. Paralelamente, realizaranse obradoiros de networking e haberá zona de food trucks. O programa completo pódese consultar na páxina web de Xuventude.

Imaxes relacionadas