A Xunta recuperará a forma orixinal do dolmen Altar do Sol de Lalín en tempos neolíticos

O Goberno galego porá en marcha a vindeira semana os traballos de posta en valor deste monumento no que a Administración xa actuou nos anos 2015 e 2017

A intervención tamén inclúe a roza e limpeza da mámoa da Cruz, a instalación dun cartel informativo e a realización dunha conferencia e unha visita guiada
 

Lalín (Pontevedra), 23 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia recuperará a forma máis próxima á construción orixinal, en tempos neolíticos, do monumento megalítico coñecido como Altar do Sol, no lugar de Alperiz do concello pontevedrés de Lalín. Así, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade porá en marcha nos vindeiros días os traballos de rehabilitación deste dolmen sobre o que xa se actuou nos anos 2015 e 2017.

Nesta ocasión, a intervención centrarase na realización de traballos de limpeza deste xacemento así como da mámoa da Cruz, situada nas súas proximidades. A continuación, procederase ao traslado, recolocación das tres lousas da cámara megalítica que están fracturadas e avaliarase a posibilidade de recolocar en vertical unha das lousas do corredor que se atopa actualmente caída. Para iso, será preciso realizar unha pequena escavación arqueolóxica no interior da cámara.

Como complemento aos traballos, instalarase un cartel informativo e divulgarase a actuación entre a poboación local mediante unha conferencia e unha visita guiada.

Cómpre lembrar que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xa interveu sobre o Altar do Sol no ano 2015. Fíxoo de cara á mellora deste sitio e co fin de afondar no seu carácter, funcionalidade, adscrición cultural e cronoloxía. Esta primeira escavación constatou que se trataba dun dolmen de corredor clásico, alterado por labores de cantaría.

No ano 2017 levouse a cabo unha limpeza de vexetación, un rexistro fotogramétrico e a restauración virtual do sitio coa finalidade de permitir a correcta visualización e rexistro das pedras que compoñen o xacementos e identificar máis posibles fragmentos de lousas pertencentes á cámara megalítica.

 

Imaxes relacionadas