A Xunta premia as mellores videocreacións e videoxogos feitos por mozas e mozos no Xuventude Crea 2021

O primeiro premio en videocreación foi para Aarón Vilariño Figueiras, de Santiago de Compostela, pola obra ‘Peixe’; o segundo, para ‘Vulgaris’ de Mario Fernández Filloy, do Carballiño; e o terceiro foi compartido entre Juan Rodríguez Bas, de Gondomar, con ‘O principio do movemento’ e para Alba Rodríguez Villar, de Cedeira, por ‘Quebec delta’

Na categoría de creación de videoxogos o primeiro premio recaeu en ‘Misery’ de Hopless Productions, por Manuel Silva e Pedro Peteiro, de Oleiros; o segundo, foi para ‘Valico, the grim world’ de Team Valico, feito por Iván Fernández e Luis D. Lobo de Vigo; e o terceiro galardón conseguiuno ‘Underworld’ de Osfados, por Alba Paz e Alison Dieste de Cambados

Cada unha das especialidades conta cun premio para os tres primeiros clasificados de entre 3.000 e 1.000 euros

Este ano Xuventude Crea inclúe 14 categorías distintas nas que participar que van desde artes plásticas, cociña e música, ata novela curta ou deseño de xoias
 

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia entregou esta fin de semana os primeiros premios das finais de Xuventude Crea. En concreto, xa se coñecen os galardoados nas categorías de videocreación e na de videoxogos feitos por mozas e mozas. Ambas entregáronse na xornada de onte durante a celebración do evento Mo_cidade 2021 na Cidade da Cultura.

Na modalidade de videocreación participaron un total de 25 proxectos, dos que dez chegaron á final celebrada en Santiago de Compostela. Finalmente, o primeiro premio foi para Aarón Vilariño Figueiras, de Santiago de Compostela, pola obra Peixe; o segundo, para Vulgaris de Mario Fernández Filloy, do Carballiño; e o terceiro foi compartido entre Juan Rodríguez Bas, de Gondomar, con O principio do movemento e para Alba Rodríguez Villar, de Cedeira, con Quebec delta. Nesta especialidade a duración das obras son dun mínimo de dous minutos e dun máximo de oito e, ademais, trátase dun produto inédito e en galego.

Pola súa banda, nesta segunda edición da categoría de creación de videoxogos foron 6 as creacións que se presentaron, das que 4 chegaron á última fase. O primeiro premio recaeu en Misery, de Hopless Productions, feito por Manuel Silva e Pedro Peteiro, de Oleiros; o segundo foi para Valico, the grim world de Team Valico, feito por Iván Fernández e Luis D.Lobo de Vigo; e o terceiro foi para Underworld de Osfados, por Alba Paz e Alison Dieste, de Cambados.

Cómpre ter en conta que nesta modalidade os proxectos consisten nun prototipo funcional ou xogo completo co aspecto e calidade final. Sos traballos orixinais, inéditos e cos textos en galego, agás a banda sonora que podía estar en calquera lingua.

Cada un destes premios ten unha gratificación económica: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros.

Final na especialidade de teatro

No día de hoxe celébrase no Salón Teatro do Centro Dramático Galego a final na categoría de teatro. Os grupos finalistas desta modalidade son: Vicus Teatro de Mos con Entre un par de maletas a medio abrir e as agullas do reloxo; Mavadeus de Santiago de Compostela coa obra Agro 5g; As catro de Vigo coa obra Que rima con chomsky?; o grupo Xebra de Vigo con Irremediablemente soa; Lohengrin Teatro de Vigo con A mirada das bolboretas; e Mutismoa teatro de Pontevedra con Romeo e Xulieta. Un ensaio sobre a frustración. Os gañadores desta categoría daranse a coñecer mañá.

Fomentar a creatividade

Esta iniciativa trata de fomentar a creatividade da xuventude galega, facilitando a promoción e a difusión da súa obra. Nesta edición poderán participar, un ano máis, os mozos e mozas non profesionais con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2021.

Son un total de 14 as categorías propostas nesta edición, que abranguen desde a creación de videoxogos e videocreación, xa premiados; ata novela curta, cociña, teatro, artes plásticas, fotografías, música, poesía, banda deseñada ata graffiti, deseño de xoias, moda e danza.

Imaxes relacionadas