Na presentación esta mañá de Xantar en EXPOURENSE
Gabriel Alén louvou á gastronomía galega como parte importante do Camiño de Santiago
O delegado territorial referiuse a Xantar como un escaparate importante na promoción da gastronomía de Galicia
Gabriel Alén puxo como exemplo o programa Galicia Sabe, unha estratexia transversal para promover un turismo gastronómico de calidade e as iniciativas Gastronomía nos Camiños e Galicia sabe amar para dar a coñecer e poñer en valor o mellor das nosas terras e dos nosos mares
O representante do Goberno galego fixo referencia á importancia da celebración do Ano Santo e a súa relación coa gastronomía
“Xantar é unha fiestra aberta ao mundo na que durante cinco días poñemos nosa hospitalidade xacobea ao servizo dos participantes e convidados”. Deste xeito, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén subliñou na presentación deste evento gastronómico que “a gastronomía é un elemento intrínseco á nosa cultura, ás nosas celebracións e ao noso modo de ser; unha calidade que é sinónimo de hospitalidade, tolerancia e solidariedade”.
Desde a Xunta de Galicia -explicou e delegado territorial- “estamos traballando en fortalecer este campo ao que consideramos un alicerce importante na nosa economía pola súa capacidade para atraer poboación e polo o seu efecto desestacionalizador, e unha feira como a que hoxe estamos a presentar é un escaparate moi importante para a súa promoción”.
Gabriel Alén puxo como exemplo o programa Galicia Sabe, unha estratexia transversal para promover un turismo gastronómico de calidade, para que este sexa un elemento crave no desenvolvemento local sustentable das nosas zonas agrícolas e gandeiras; o programa Gastronomía nos Camiños para dar a coñecer e poñer en valor o mellor das nosas terras e dos nosos mares, produtos de proximidade e de calidade que os nosos cociñeiros son quen de transformar en saborosos pratos que se definen pola súa excelencia e que sorprenden aos peregrinos en cada recuncho do Camiño; ou a campaña Galicia sabe amar para incidir na importancia para comer peixes e mariscos así como na variedade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición dos consumidores para que cada un elixa aquel que máis lle interese e mellor adáptese ás súas necesidades e gustos.
Tamén destacou a iniciativa Écociña no Camiño, un programa orientado á realización dun traballo en contacto cos restauradores do Camiño de Santiago para promover a incorporación nos seus negocios de prácticas aliñadas na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable. O obxectivo final desta proposta é a mellora da oferta gastronómica no Camiño de Santiago en termos de calidade e sustentabilidade, implicando tamén ás prazas de abastos como fornecedoras de produtos de calidade e de proximidade.
O representante do Goberno galego fixo referencia á importancia da celebración do Ano Santo e a súa relación coa gastronomía, “o Camiño de Santiago é o mellor tesouro de Galicia e o mellor do Camiño entra polos sentidos. Pola vista, por suposto, polas marabillosas paisaxes que atravesa, pero tamén polo gusto, porque o peregrino, logo de percorrer a súa etapa diaria, recupera forzas nos restaurantes, mesóns e casas de comida que atopa no seu percorrido. Se o gran altofalante para pregoar todas as bondades do Camiño é o boca a boca, non cabe dúbida algunha de que o bo sabor de boca que deixa a nosa gastronomía conquista, convence e anima a probar e a repetir”.