A conselleira do Mar, Rosa Quintana, compareceu no Parlamento para presentar as contas que xestionará o seu departamento no próximo exercicio

O orzamento da Consellería do Mar sobe ata os 194M€ en 2022 e convértese no máis alto da última década tras aumentar un 50% nos últimos cinco anos

A titular de Mar salienta que o seu departamento prima os investimentos e apoios directos ao sector para impulsar a recuperación trala pandemia da covid-19 mediante un crecemento san do complexo mar-industria galego

As contas do vindeiro ano habilitan 84M€ para accións de mellora da comercialización dos produtos do mar entre os que 41M€ son para as pequenas e medianas empresas de transformación, un 50% máis ca en 2021, coa fin de mellorar a súa produción e adecuar os produtos ás demandas do mercado

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe que a proposta de orzamentos da Xunta de Galicia para 2022 busca pasar da reactivación económica trala pandemia da covid-19 á recuperación impulsando un crecemento san, unha estratexia que se estenderá a todos os sectores, incluído o marítimo-pesqueiro. Por iso, remarcou, o orzamento da Consellería do Mar volve medrar o ano que vén -neste caso un 3,5%- ata acadar os 194 millóns de euros, a cifra máis alta da última década tras un aumento do 50% nos últimos cinco exercicios.

A titular de Mar explicou durante a súa intervención na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento que as contas do seu departamento priman a atención ao sector e o mantemento das liñas de traballo postas en marcha en anos anteriores e que o fai mediante o reforzo dos capítulos de investimentos e apoios directos ao complexo mar-industria cunha suba superior á media.

Neste sentido, Rosa Quintana lembrou que a Consellería do Mar dá prioridade desde 2009 ao apoio ao sector para impulsar a súa competitividade e sustentabilidade tanto no eido económico como no ambiental e social e así o seguirá a facer en 2022. De feito, as contas do próximo ano reforzan tanto o apoio á industria transformadora de produtos do mar como á súa comercialización.

A representante do Executivo galego incidiu na importancia de afondar na organización da oferta de produtos do mar, na súa adecuación á demanda e no estímulo do consumo, polo que os orzamentos da Consellería para 2022 inclúen 84 millóns de euros destinados a accións de impulso da súa venda ou valorización, unha partida que vén subindo desde 2014. Neste apartado destaca o incremento dos fondos para a mellora da comercialización e a promoción exterior dos produtos do mar en 500.000 euros, ata superar os nove millóns de euros. Galicia retoma así a presenza en grandes feiras nacionais e internacionais de alimentación coa previsión de participar o ano que vén en arredor dunha ducia de eventos deste tipo.

Deses 84 millóns de euros a Xunta destina 41 millóns, un 50% máis ca este ano, a redobrar o apoio ás pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos do mar. O obxectivo é que as pemes do sector poidan mellorar a súa estrutura produtiva e adecuar os seus produtos ás necesidades e demandas do mercado, impulsando así a súa competitividade.

A conselleira do Mar indicou que o seu departamento seguirá traballando no eido ambiental dando continuidade a liñas de axudas para o sector que deron bos resultados nos últimos anos como as de conservación, xestión e mellora das zonas de produción do marisqueo -cun orzamento de sete millóns de euros- ou as de recollida de lixo mariño, ás que se destinan 875.000 en 2022, o que supón unha repunta próxima ao 30%. Estas accións, lembrou Rosa Quintana, complementan actuacións planificadas por outras Consellerías e que teñen efectos positivos no medio natural como as partidas destinadas ao saneamento das rías.

No eido social, a titular de Mar salientou a importancia de acadar a remuda xeracional, a mellora das condicións a bordo dos buques e a adecuación da formación ás demandas do sector. Neste sentido, explicou que as contas do próximo ano prevén un cambio no modelo de xestión da formación nos portos así como un incremento do 50% na partida para melloras a bordo dos buques -ata sumar 1,3 millóns de euros, o dobre que hai dous anos- coa finalidade de avanzar na seguridade e a habitabilidade a bordo.

Melloras portuarias

O investimento en infraestruturas portuarias tamén se ve reforzado cunha suba superior ao 20%, ata roldar os 22 millóns de euros, destacando especialmente os fondos destinados a equipamentos pesqueiros, que aumentan un 50% e permiten a adecuación e mellora das instalacións portuarias ligadas ao día a día do sector, como as lonxas. Trátase de actuacións e investimentos, subliñou a conselleira do Mar, que contribúen a facer máis seguras e operativas as instalacións portuarias facilitando o traballo dos profesionais do mar. Neste capítulo tamén son relevantes as actuacións que Portos de Galicia prevé realizar na práctica totalidade dos peiraos autonómicos co obxectivo de mellorar a súa operatividade e o servizo aos usuarios.

Rosa Quintana lembrou que algunhas partidas orzamentarias se ven limitadas polo actual período de transición do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) ao futuro Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa), pero salientou algunhas como a destinada ao desenvolvemento sostible das zonas costeiras (os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, GALP), que suma 14 millóns de euros malia a menor contía dispoñible como consecuencia dos altos niveis de execución de anos anteriores.

Neste sentido, destacou que Galicia reserva un orzamento de 200.000 euros para ir preparando o novo período Fempa e artellando a nova organización e constitución dos GALP -adiantándose aos tempos de preparación- para estar listos e poder traballar de xeito inmediato en canto se aprobe o programa operativo do novo Fempa en España.

Os fondos destinados á acuicultura, tamén afectados pola finalización do período FEMP, ascenden a 13,6 millóns de euros co obxectivo mellorar as condicións de traballo e a competitividade desta actividade, que en Galicia ten o mexillón como produto estrela.

A titular de Mar subliñou que o futuro Fempa determinará en boa medida os orzamentos da Consellería para os vindeiros anos, polo que cualificou como positivo o feito de que os fondos asignados a Galicia no período 2021-2027 se manteñan practicamente estables. A comunidade recibirá 366 dos 735 millóns de euros asignados ás comunidades autónomas españolas excluíndo Canarias.

Apostas blindadas

A Consellería do Mar mantén tamén as apostas blindadas dos últimos anos coa estabilidade nos orzamentos de organismos dependentes como o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), o Servizo de Gardacostas de Galicia ou o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar. O Intecmar disporá en 2022 de case catro millóns de euros, o que supón un incremento de preto do 50% desde 2013 e garante o seu labor esencial no control técnico e sanitario dos produtos do mar.

O Servizo de Gardacostas de Galicia, pola súa banda, conta con 24 millóns de euros para o seu funcionamento e case tres millóns de investimento para avanzar na renovación parcial da súa frota. Mentres, o Cetmar -que vén de cumprir 20 anos de existencia- contará cun orzamento superior aos catro millóns de euros co obxectivo de que siga como referente internacional na investigación mariña.

A formación tamén queda blindada nas contas da Consellería do Mar do próximo ano tanto coa suba do investimento nos centros de formación regrada dependentes dela como cun aumento do 24% na partida destinada á formación e reciclaxe para as actividades pesqueiras que se desenvolve no centro de formación A Aixola. Trátase de accións, subliñou Rosa Quintana, que pretenden contribuír a impulsar a remuda xeracional no sector.

Imaxes relacionadas