O vilalbés Brais Lamela e a ourensá Alba Guzmán son os gañadores dos certames de poesía e novela curta do Xuventude Crea 2021

Tamén se premiaron os poemas de Judith Ruso, de Negreira, e o de Navia Rivas, de Santiago

O santiagués Adrián Noia; e Aarón Barreira, de Culleredo, fixéronse co segundo e terceiro posto, respectivamente, na categoría de Novela curta
 

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta deu coñecer hoxe os gañadores dos certames de Poesía e Novela curta do programa Xuventude Crea 2021: Brais Lamela Gómez, de Vilalba, e a ourensá Alba Guzman Falcón, respectivamente. Cada un deles recibirá unha gratificación económica de 3.000 euros, ademais de apoio na difusión dos traballos galardoados.

Na modalidade de Poesía o xurado recoñeceu a profundidade filosófica, a modernidade e o manexo dos recursos literarios que fai Brais Lamela na obra que presentou a concurso: A linguaxe dos outros. En segundo lugar quedou Judith Ruso Pereiro, de Negreira, con Hábitat hostil; e a terceira clasificada foi a santiaguesa Navia Rivas Castro con Aprender a respirar. Un total de 38 propostas competiron este ano por facerse co galardón de Poesía do Xuventude Crea.

En canto á categoría de Novela curta, Alba Guzmán Falcón, de Ourense, fíxose co primeiro premio por Xoaniña de deus. Entre os trece escritos que se presentaron, quedou en segunda posición o do mozo de Santiago Adrián Noia Vázquez, coa obra O país dos raposos. O terceiro lugar foi para Aarón Barreira Diz, de Culleredo, por Indicios esferoides.

Ademais dos 3.000 euros de premio para os gañadores, outórganse 1.500 euros para os segundos clasificados e 1.000 euros para os creadores que quedaron en terceiro lugar.


Premiados

Xa se coñeceron os gañadores nas categorías de videocreación, creación de videoxogos e teatro. Na modalidade de videocreación, o primeiro premio foi para Aarón Vilariño Figueiras, de Santiago de Compostela, pola obra Peixe; o segundo, para Vulgaris de Mario Fernández Filloy, do Carballiño; e o terceiro foi compartido entre Juan Rodríguez Bas, de Gondomar, con O principio do movemento e para Alba Rodríguez Villar, de Cedeira, con Quebec delta.

Pola súa banda, nesta segunda edición da categoría de creación de videoxogos o primeiro premio recaeu en Misery, de Hopless Productions, feito por Manuel Silva e Pedro Peteiro, de Oleiros; o segundo foi para Valico, the grim world de Team Valico, feito por Iván Fernández e Luis D.Lobo de Vigo; e o terceiro foi para Underworld de Osfados, por Alba Paz e Alison Dieste, de Cambados.

Na modalidade de teatro foi o grupo de Santiago Mevadeus, de Santiago de Compostela, o gañador coa obra Agro 5g. O segundo premio foi para o grupo As catro, de Vigo, pola súa interpretación da obra Que rima con Chomsky?. En terceiro lugar situouse o grupo Xebra, tamén de Vigo, por Irremediablemente soa

Catorce categorías

Esta iniciativa trata de fomentar a creatividade da xuventude galega, facilitando a promoción e a difusión da súa obra. Nesta edición poderán participar, un ano máis, os mozos e mozas non profesionais con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2021.

Son un total de 14 as categorías propostas nesta edición, que abranguen desde a creación de videoxogos e videocreación, xa premiados; ata novela curta, cociña, teatro, artes plásticas, fotografías, música, poesía, banda deseñada ata graffiti, deseño de xoias, moda e danza.