Emprego e Igualdade presenta uns orzamentos “expansivos” con 380 M€ que priorizan a inserción laboral das mulleres e a mocidade

As contas da Consellería de Emprego e Igualdade medran un 9,2%, dous puntos porcentuais por enriba da media da Xunta

As políticas activas de emprego contarán con 147M€, un 44,6% máis que en 2021, e apostarán por novos programas dirixidos a mulleres e á mocidade, así como á inclusión, a transformación dixital e a economía social

Lorenzana destacou a posta en marcha dos plans Emprega Muller, dotado con 33,4M€, e Emprega Xuventude, ao que se destinan 51,8M€, con novos programas específicos para estes dous colectivos

Destínanse máis recursos que nunca á formación para o emprego, que eleva o seu orzamento nun 53,5%

Antes de que remate o ano lanzarase a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego co obxectivo de axustar a formación continua dos traballadores ás necesidades do mercado laboral

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe no Parlamento de Galicia os orzamentos do seu departamento para o ano 2022, que suman en total 380 millóns de euros e medran un 9,2% “coa vontade de que Galicia desenvolva ao máximo o seu potencial e logre un crecemento económico sen precedentes”. Entre as liñas de actuación, esta Consellería priorizará os programas dirixidos á formación e empregabilidade das mulleres e das persoas mozas, ao emprego inclusivo, á loita contra a violencia de xénero e á promoción da igualdade en todas as súas vertentes.

Trátase duns “orzamentos expansivos”, dixo Lorenzana, que supoñen unha suba dous puntos porcentuais por riba da media da Xunta para o ano 2022.

Superados os peores momentos da crise sanitaria, a conselleira defendeu que “é tempo de facer que a preocupación por conseguir emprego sexa cada día menor, de que as oportunidades laborais gocen dun compoñente inclusivo, de que as diferenzas entre homes e mulleres non impliquen desigualdade e que a xente moza e os maiores se beneficien da formación e da experiencia”. Para acadalo, Lorenzana presentou unhas contas que defenden as políticas públicas “útiles, sustentables e coordinadas con todos os axentes participantes” que incidirán tamén na conciliación e na loita contra a violencia de xénero.

Con esta finalidade, segundo relatou, medran un 53,5% os fondos destinados á formación para o emprego, de xeito que esta área acada os 184,4 millóns de euros de presuposto. Sumados aos 147 millóns de euros da área de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social -que crece un 44,6%- entre ambas as dúas supoñen o 87% do total da Consellería.

Formación adaptada ás necesidades

No contexto de “nova normalidade”, Lorenzana defendeu a firme aposta da Xunta por adaptarse ás novas contornas laborais e maneiras de traballar emerxentes. A formación para o emprego é a área na que este departamento pon máis énfase e recursos por ser “panca básica esencial que ofrece oportunidades de mellora e de inserción laboral a quen peor o está pasando” e por posibilitar ás empresas “a atopar perfís preparados e adecuados aos oficios que precisan”, remarcou a titular de Emprego.

Incidirase nunha modernización “sen precedentes” do Servizo Público de Emprego, para poñer en marcha novos programas focalizados nos colectivos prioritarios -mulleres, persoas mozas e con discapacidade- e reforzar a cualificación en habilidades dixitais da poboación, especialmente das mulleres residentes en contornas rurais.

Lorenzana aludiu na súa intervención “á revolución integral tanto na forma como no fondo da formación para o emprego en Galicia” que se iniciou co primeiro campus virtual que desde setembro acolle 1.000 centros e 15.000 persoas matriculadas e continuará co desenvolvemento da Axenda Galega de Capacidades, un “gran pacto social” que permitirá identificar as necesidades do mercado, para adaptar a cualificación profesional á inserción laboral e, en último extremo, mellorar a competitividade das empresas galegas.

Políticas activas para mulleres e mocidade

Difundir a economía social como fórmula solidaria e sostible nas contornas, os apoios á contratación, e as axudas para persoas traballadoras autónomas son os tres eixos que guiarán as actuacións da área de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social. Lorenzana destacou a posta en marcha dos plans Emprega Muller, dotado con 33,4M€, e Emprega Xuventude, ao que se destinan 51,8M€, con novos programas específicos para estes dous colectivos.

No caso do plan Emprega Muller inclúense programas específicos de nova creación como as unidades formativas en empresas dirixidas exclusivamente ao colectivo feminino (2M€), o programa de mellora das capacidades dixitais para mulleres residentes no medio rural (10,4M€) ou os programas integrados de emprego exclusivos para mulleres (4,8M€), entre outros.

En canto ao plan Emprega Xuventude, a conselleira sinalou que tamén conta con programas de nova creación, entre eles Talento 30 para facilitar un período de formación e práctica profesional en empresas (22M€) ou o programa Investigo, para a xeración de emprego xuvenil no eido da investigación (13,1M€).

Con respecto ao colectivo dos autónomos, destinaranse máis de 20 millóns de euros a apoiar o inicio da actividade por conta propia -cun novo programa de relevo xeracional para mulleres- e máis apoios para a consolidación dos negocios existentes -con outro programa novidoso, neste caso, para que aborden o salto dixital-.

O ano 2022 estará tamén chamado a ser o que defina “unha nova forma de emprender” en Galicia, subliñou a conselleira, xa que arrancará o proxecto de Polos de Emprendemento no Rural coa posta en marcha dos primeiros 4 (dun total de 12 previstos), un por provincia, para o fomento de fórmulas de economía social e microemprendemento autónomo, que permitan asentar poboación e ampliar as oportunidades laborais.

Máis recursos para as vítimas e promoción da igualdade

Os novos orzamentos serán expansivos tamén na área de Igualdade, que con 31,4 millóns de euros, crece un 14%. Máis de 13 millóns destinaranse á promoción da igualdade e 18 á loita contra a violencia de xénero (+22% que o ano precedente). A Xunta reforzará e ampliará os recursos para as vítimas, entre outros obxectivos. Lorenzana anunciou, así, a posta en marcha de catro centros de atención 24h ás vítimas de agresión sexual, que contarán cun recurso en cada provincia. E a alza dos apoios de pago único (1,5 millóns consignados en 2022) e de axudas periódicas para as vítimas (4 millóns ampliables), que converten a Galicia na única comunidade que ten artelladas estas prestacións.

O emprendemento feminino tamén sae reforzado nos novos orzamentos que destinan ao programa Emega en 2022 un total de 4,2 millóns de euros, o maior importe ata o de agora nos 25 anos de traxectoria deste programa, que apoia a iniciativa empresarial de mulleres e a creación de postos de traballo ocupados por elas.

Todas as actuacións da área de igualdade, tal e como remarcou Lorenzana, veranse enriquecidas polas desenvolvidas pola Dirección Xeral de Relacións Laborais, que destinará máis de 2 millóns de euros a actuacións no eido da igualdade laboral, centradas no apoio ás medidas de conciliación e corresponsabilidade, a rotura da fenda de xénero nas organizacións, a loita contra o acoso laboral, e a implantación de prácticas de responsabilidade social empresarial.

Imaxes relacionadas