A Xunta licita a redacción dos proxectos de recuperación dos inmobles ubicados na rúa Catedral 18 e 22 no barrio da Tinería

Con estes contratos, cun importe de máis de 30.000 euros, o Goberno galego avanza un paso máis na recuperación deste barrio emblemático da cidade de Lugo

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia licita hoxe a redacción dos proxectos de recuperación dos inmobles localizados na rúa Catedral 18 e 22, no barrio da Tinería, na cidade de Lugo.

A plataforma de contratos da Xunta publica hoxe este contrato de servizo por un importe de 30.295,31 euros. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas dispoñen ata o 13 de decembro.

Estes dous inmobles foron adquiridos polo Instituto Galego de Vivenda e Solo no marco do programa Rexurbe, e agora preténdese recuperar para habilitar vivenda de promoción pública.

Neste sentido, a licitación dos proxectos de recuperación son unha mostra máis do compromiso do Goberno galego coa rehabilitación deste barrio emblemático da cidade da Muralla.

As obras de rehabilitación da Tinería están actualmente pendentes da situación que vive a área de urbanismo do Concello de Lugo, que impide avanzar na rehabilitación da Casa Torre (Hospital de San Miguel) e no desenvolvemento da UI-8 que, ademais, permitirá desenvolver a rehabilitación do Pazo de Doña Urraca. O IGVS agarda que a situación de bloqueo se poida resolver no menor prazo posible para avanzar nos proxectos xa iniciados, ao tempo que se redactan os proxectos para a rehabilitación dos dous inmobles adquiridos.