A Xunta porá en marcha unha nova campaña para fomentar o uso da lingua galega nas familias

O Goberno galego traballa xa nesta medida que entrará en funcionamento o vindeiro ano e que se centrará nos contornos urbanos e periurbanos

Tamén presentou a fotobiografía de Xela Arias e os Premios Internacionais de podcast ‘Xosé Mosquera, o vello dos contos’ no IES Rosalía de Castro

Esta tarde asistirá á ‘XIV Xornada Xustiza e Lingua, reflexións para a normalizacións’, coa que colabora a Administración autonómica
 

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe á inauguración dos XXIII Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Xunta de Galicia. Baixo o título Desde o berce: a transmisión interxeracional da lingua galega, o evento, que se prolongará ata o final da tarde e que se pode seguir en directo no Portal da Lingua Galega, reúne información, reflexións, experiencias e propostas para que a transmisión do galego non decaia nas xeracións máis novas.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou que a transmisión interxeracional “é o reto máis importante en materia de lingua que debemos afrontar hoxe”. Neste senso, incidiu en que “todas as reflexións, esforzos e accións que se fagan nesta liña son importantes e que tanto o Goberno como a cidadanía deben remar no mesmo sentido para conseguir resultados satisfactorios”.

Canda o secretario xeral participaron na inauguración desta xornada, que acolleu o Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, presidenta do CCG, e Xusto A. Rodríguez, director do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.

Crianza, escola e lecer en galego

Os Encontros para a Normalización Lingüística buscan ser un foro anual de debate e intercambio de información a raíz dos cales atopar solucións para as diferentes situacións que atravesa a lingua propia. Nesta XXIII edición, centrada na transmisión do idioma aos máis cativos, búscase recadar un conxunto de solucións da man de expertos en diferentes ámbitos da vida dos rapaces e rapazas a través de varias sesións organizadas en catro bloques temáticos: A transmisións interxeracional da lingua galega: marco conceptual e contexto social; Crianza en galego...crianza natural; Escola en galego... escola aberta e Lecer en galego? Espazo de transmisión?.

Precisamente neste eido busca reforzar as súas actuacións a Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Tanto e así, que tal e como explicou Valentín García, a Xunta, “consciente da importancia da transmisión interxeracional da lingua propia, porá en marcha unha nova campaña para o fomento do emprego do galego nas familias, especialmente das que habitan en contornos urbanos e periurbanos”. Esta medida, na que se comezará a traballar de cara ao vindeiro 2022, únese ao xa vixente Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022 e ao programa de dinamización da lingua galega FalaRedes, que xa vai pola súa X edición, e que centra a meirande parte da súa programación anual nos máis pequenos e pequenas da casa.

Presente e futuro das Letras Galegas

Por outra banda, o secretario xeral de Política Lingüística tamén visitou hoxe o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela cun dobre motivo. O primeiro deles foi a presentación do proxecto documental e multimedia Xela Arias sen fronteiras. Fotobiografía sonora. Trátase dunha iniciativa realizada por Arrainos Producións ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 que ofrece un percorrido creativo pola vida e obra da escritora homenaxeada polo Día das Letras Galegas este 2021.

O segundo foi a presentación da IV edicións dos Premios Internacionais de podcast Xosé Mosquera, o vello dos Contos, convocados polo IES Rosalía de Castro e Arrainos Producións en colaboración con Ponte nas Ondas e a Xunta de Galicia. O obxectivo deste premio, dirixido ao alumnado de 10 a 18 anos, é promover a lingua e a cultura galega e portuguesa entre a mocidade mediante a elaboración de podcasts orixinais e inéditos relacionados co escritor Florencio Delgado Gurriarán, quen tomará o testigo de Xela Arias como figura das Letras Galegas 2022. As bases e funcionamento do certame poderán consultarse no Portal da Lingua Galega.

O galego na xustiza

Xa pola tarde, Valentín García acompañará a Francisco J. Rabuñal, decano do Colexio de Avogados de Santiago (ICA), na apertura da XIV Xornada Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización, coas que colabora o Goberno galego.

Dirixida a profesionais do sector, así como a estudantes e funcionarios da Administración, o obxectivo destas xornadas anuais é promover a reflexión acerca do proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza, o intercambio de experiencias e a proposta de novas medidas e modelos a seguir mediante a celebración dunha mesa redonda.
 

Imaxes relacionadas