Luis López destaca o impulso da Xunta ao sector hostaleiro do Salnés coa formación laboral de 350 persoas en 18 obradoiros de emprego na última década
O delegado territorial, acompañado da presidenta da Mancomunidade do Salnés, Marta Giráldez, e do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, presidíu o acto de inauguración da 13ª edición da iniciativa Hostalería do Salnés
Este obradoiro, que prolongará a súa actividade durante nove meses grazas a un investimento de 347.000€ da Xunta, formará a 20 persoas desempregadas nos módulos de Cociña e Restaurante e Bar
O delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, destacou hoxe en Sanxenxo o impulso e colaboración do Goberno galego co sector hostaleiro da bisbarra do Salnés en materia de formación laboral coa preparación dunhas 350 persoas a través de obradoiros de emprego específicos ao longo da última década.
“A hostalería e o turismo son sectores estratéxicos para Galicia, aínda con máis importancia neste dobre ano Xacobeo, e teñen especial forza nunha comarca como O Salnés, que acolle cada ano a centos de miles de turistas e visitantes. Por iso, dende a Xunta impulsamos e financiamos a formación de profesionais para hoteis, restaurantes, cafeterías, turismo rural… xa que así xeneramos xente con moita preparación que é moi demandada polo sector e que ten moitas oportunidades laborais”, explicou o representante galego.
Luis López salientou esta acción da Xunta no acto de inauguración do obradoiro de emprego Hostalería do Salnés XIII, concedido pola Consellería de Emprego e Igualdade á Mancomunidade do Salnés cun investimento de 347.000 euros. A posta en marcha desta iniciativa laboral desenvolveuse no Real Clube Náutico de Sanxenxo e tamén contou coa presenza da presidenta da entidade, Marta Giráldez, e do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín.
Este obradoiro, o segundo en marcha neste intre na comarca arousana xunto con Mar de Santiago II en Vilanova, vai formar a vinte persoas desempregadas durante nove meses nos módulos de Cociña e Restaurante e Bar. A formación incluirá ensinanzas teórico-prácticas nas citadas instalacións do Porto Deportivo Juan Carlos I e as alumnas e alumnos disporán da posibilidade de realizar prácticas en empresas da contorna ao seu remate grazas ao seu formato dual.
Luis López agradeceu aos participantes “a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando a súa experiencia para outorgarse máis oportunidades no mercado nun sector con altísimas posibilidades de inserción” e amosouse convencido de que “aproveitarán esta oportunidade ao máximo para adquirir coñecementos que poden ser fundamentais para o seu futuro”.
“Damos cumprida resposta ao que pide a cidadanía e ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado a xente sen traballo para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses e que nutrirán, en moitos casos xa de cara ao vindeiro verán, ao sector turístico da comarca”, concluíu o delegado territorial.