A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Manuel Corzo, asinaron un acordo de cooperación para cofinanciar a obra
A Xunta e o Concello do Bolo investirán case 50.000 euros en humanizar a contorna do núcleo de Celavante
A actuación urbanística, que se enmarca nos obxectivos do plan Hurbe, incluirá a renovación e mellora do pavimento así como a colocación de mobiliario urbano na rúa principal e en dous calellos situados na zona de protección da Igrexa de San Xoán
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2021.- A Xunta de Galicia e o Concello do Bolo colaborarán nunha actuación urbanística no municipio co fin de humanizar a contorna do núcleo de Celavente. Este foi o compromiso asumido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde ourensán, Manuel Corzo, no marco dun convenio subscrito esta semana para fixar os termos da cooperación técnica e económica entre ambas administracións para levar a cabo a obra.
Segundo se recolle no proxecto, a intervención centrarase na humanización da rúa principal e de dous calellos do lugar de Celavente, localizados dentro da zona de protección da Igrexa de San Xoán.
En concreto, acometerase unha completa rexeneración dos pavimentos, retirando o actual e nivelando o terreo antes de colocar unha nova capa de formigón e fiadas de pedras de granito nas marxes do camiño. Así mesmo, tamén está previsto acondicionar a zona coa instalación de bancos consistentes en bloques macizos de granito gris.
Cun custo de case 50.000 euros dos cales o 70% será achegado polo departamento autonómico e o 30% restante polo Goberno municipal, o convenio enmárcase no chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai máis dunha década co fin de axudar ás entidades locais a executar diferentes proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.
Durante a sinatura, Ángeles Vázquez subliñou o compromiso do seu departamento á hora de brindar apoio aos concellos co fin de promover actuacións que, como esta, contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños. Neste sentido, a Consellería manterá esta liña de cooperación cos concellos en 2022, reservando nos seus orzamentos 7 millóns de euros para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.