O 061 de Galicia asistiu a 49 persoas por 42 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 5 de novembro ata as 23,59 horas do domingo, 7 de novembro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 57 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 8 de novembro de 2021

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 49 persoas debido a 42 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 5 de novembro, ata as 23,59 horas do domingo, 7 de novembro. O sábado foi o día no que se rexistraron máis sinistros, con 18 accidentes de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 57 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 42 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 49 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 55% e do 45% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 33% dos atendidos tiña entre 20 e 34 anos.

Por provincias, Pontevedra foi a que máis sinistros rexistrou con 21 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia
Accidentes
A Coruña
15
Lugo
4
Ourense
2
Pontevedra
21
Galicia
42

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 57. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en cinco accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 46 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en seis accidentes.

En 44 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en cinco ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.

Imaxes relacionadas