As obras de mellora da accesibilidade das rúas Mediodía e Víctor González Faya en Ordes comezarán este outono
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar o contrato desta actuación por un importe de máis de 300.000 euros
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar as obras de mellora da accesibilidade de dúas rúas do concello de Ordes: Mediodía e Víctor González Faya, polo que as obras poderán comezar este mesmo outono.
A plataforma de contratos públicos da Xunta publica o contrato de adxudicación por un importe total de 305.709 euros e un prazo de execución de 6 meses. A finalidade desta actuación é facilitar o tránsito peonil, mellorar a seguridade e eliminar barreiras que dificulten a mobilidade.
Esta actuación lévase a cabo ao abeiro dun convenio de colaboración, polo cal a Xunta se compromete a aportar un 70% do orzamento da actuación; mentres que o Concello asumirá o 30% restante.
Este tipo de iniciativas son prioritarias para o Goberno galego, que aposta por apoiar e financiar proxectos cos que se melloren os espazos das vilas galegas e, sobre todo, aqueles que melloran a funcionalidade e dan prioridade de uso aos veciños.
De feito, xa se financiaron máis de 300 actuacións urbanísticas en decenas de concellos galegos, cun investimento global de case 150 millóns de euros, e coas que contribuíu a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños.
Esta liña de humanización das vilas galegas manterase ao longo do ano 2022, xa que nos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda se reserva unha partida orzamentaria de 7 millóns de euros.