A conselleira de Política Social participou hoxe no acto de entrega na fábrica social de traballo de Amicos

A Xunta repartirá este inverno a través da Cesta Benvida máis de 2000 produtos de lá tecidos a man polas usuarias da casa do maior de Punxín

As nais e pais galegos levan anos recibindo esta caixa no hospital con produtos de utilidade para os primeiros meses do seu bebé

O Goberno galego renovou o deseño e os produtos da Cesta Benvida e incorporou agasallos elaborados por 21 entidades sociais de toda a Comunidade

Boiro (A Coruña), 9 de novembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou hoxe no acto de entrega dos 2000 produtos de lá que realizaron as usuarias da casa do maior de Punxín para incorporar á Cesta Benvida. Alí destacou que o Goberno galego renovou o deseño desta caixa e incorporou agasallos elaborados a man por usuarios de 21 entidades sociais galegas de xeito que se implique a toda a sociedade na benvida das nenas e nenos de Galicia.

A Cesta Benvida leva desde o ano 2016 acompañando a todas as galegas e galegos desde que nacen. Dentro desta caixa, que as nais e pais reciben no hospital, a Xunta incorpora produtos que lles poden ser de utilidade durante os primeiros meses da nena ou neno. Da aglutinación de todos estes materiais encárgase a entidades social Amicos, con sede en Boiro, que incorpora os produtos que se realizan en distintas organizacións por toda a Comunidade.

As usuarias da casa do maior de Punxín entregaron esta mañá persoalmente os gorriños e patucos de lá que estiveron elaborando durante os últimos meses para que Amicos os incorpore ás Cestas Benvida que se entregarán este inverno. A conselleira sinalou que deste xeito búscase tecer un fío invisible que conecte ás persoas con discapacidade, ás persoas maiores e aos pequenos que nacen en Galicia.

Imaxes relacionadas