O conselleiro de Facenda e Administración Pública pón en valor a estratexia Galicia Dixital 2030 para consolidar a transición dixital na comunidade galega

Miguel Corgos inaugurou o Encontro Galego de ciberseguridade CIBER.GAL, onde destacou a importancia da ciberseguridade no despregamento de tecnoloxías dixitais a gran escala

O evento, con máis de 1400 inscricións, aborda os retos da ciberseguridade para o tecido empresarial, a cidadanía e o sector público

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, puxo hoxe en valor a Estratexia Dixital 2030 para consolidar a transición dixital na comunidade galega. Esta iniciativa, deseñada polo Goberno galego, vai crear un marco dixital común que facilite a actuación das administracións local, autonómica e estatal nun mesmo territorio de xeito complementario, a través do aproveitamento das sinerxías e a suma de esforzos.

Miguel Corgos inaugurou o Encontro Galego de ciberseguridade CIBER.GAL que, organizado polo nodo galego de ciberseguridade Ciber.gal, reúne en Santiago durante dous días a entidades de referencia no eido da seguridade da información, as principais empresas galegas de ciberseguridade e os axentes clave dos sectores tecnolóxico, da investigación e do coñecemento.

No acto de inauguración, ademais do conselleiro, participaron o presidente da Fegamp, Alberto Varela, e o director de Relacións Institucionais e Estratexia de INCIBE, Miguel Ángel Cañada Navarro, que estiveron acompañados pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira.

O conselleiro de Facenda e Administración pública asegurou que a cibertecnoloxía será unha “tecnoloxía chave, imprescindible para garantir a seguridade e integridade dos datos e sistemas de información”, que permitirá avanzar no despregamento das tecnoloxías dixitais a gran escala. Deste xeito tanto a cidadanía como o tecido empresarial e as administracións públicas poderán adoptala con garantías.

Para isto a Xunta de Galicia vai destinar no ano 2022 máis de 209 millóns de euros á transformación dixital, o que supón un incremento dun 80% con respecto aos anos previos á pandemia. Insistirase, deste xeito, na aposta decidida pola creación de estruturas de cooperación no ámbito da ciberseguridade desde un enfoque aglutinador e multidisciplinar, co fin de conectar axentes públicos e privados e facer fronte á crecente ameaza que supoñen os ataques cibernéticos, ademais de aproveitar as oportunidades que presenta o mercado dixital.

Ademais, o conselleiro lembrou que o pasado xoves, o Consello da Xunta aprobou a construción dun data center de alta seguridade, adaptado ás necesidades dunha administración intelixente que permitirá duplicar as capacidades de procesamento e almacenamento de datos actuais, e que traballará en sincronía co Centro de Procesamento de Datos albergado no Gaiás para reforzar os mecanismos de seguridade, dispoñibilidade e dos datos de todo o sector público autonómico.

“O rápido e preocupante avance de incidentes de ciberseguridade demanda que, como administración debamos dar resposta urxente a este fenómeno”, concluíu Miguel Corgos, quen incidiu na importancia da colaboración público-privada para que estas iniciativas lideradas pola Xunta cheguen ás empresas e á cidadanía.

Encontro Ciber.gal

O encontro galego Ciber.gal, que se celebra hoxe e mañá no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, está estruturado en tres bloques. O primeiro deles engloba actividades destinadas ao tecido empresarial con paneis e charlas sobre axudas para impulsar a ciberseguridade na empresa, os riscos aos que se enfronta as empresas e as obrigas legais en materia de ciberseguridade.

Para o colectivo da cidadanía, que se desenvolverá na tarde do 10 de novembro, celebrarase a final do concurso Ciberseguridade no cole!, destinado aos menores organizado por Telefónica; e un Capture The Flag, organizado pola Cátedra R en ciberseguridade e Gradiant. Ademais, intervirá Gianluca D´Antonio, presidente de ISMS Forum.
A segunda xornada do encontro estará destinada á administración pública coa participación do Centro Criptolóxico Nacional; a intervención do divulgador Marc Vidal, e a celebración dun debate que agrupa aos máximos responsables de organismos e entidades autonómicas con competencias en materia de ciberseguridade: a Axencia de Ciberseguridade de Cataluña, a Axencia Dixital de Andalucía, a Generalitat Valencia e a Amtega.

Imaxes relacionadas