A Xunta apoia con máis de 161.000€ a 8 centros comerciais abertos e prazas de abastos da Coruña para impulsar a súa competitividade

A Xunta colabora con catro centros comerciais abertos e coas prazas de abastos de As Conchiñas, Elviña, Eusebio da Garda, e San Agustín

O delegado da Xunta destacou que de cara ao 2022 as actuacións destinadas á modernización do comercio contarán cun 15,66% máis que no 2020 (pasando dos 15,88 M€ en 2020 a 18,37 M€ en 2022)

A Coruña, 11 de novembro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o barrios dos Mallos e estivo acompañado polo presidente do Centro Comercial Aberto, Asociación Comerciantes Distrito Os Mallos, José Salgado Sánchez, unha das beneficiadas pola orde de axudas a comerciais abertos (CCA) e prazas de abastos para a revitalización do comercio de proximidade.

Trenor destacou que no 2021 a orden de ayudas dirixida á dinamización dos CCA e prazas de abastos conta cun orzamento de 2.225.000,00 €, o que supón un incremento respecto a anos anteriores do 12,5% (en total un incremento de 250.000). Igualmente incrementouse a intensidade das axudas nun 5%, pasando o mínimo do 70% ao 75% e cun máximo, segundo os casos dun 80%.

A Xunta vén de conceder apoios por máis de 161.000 euros a 8 centros comerciais e abertos e prazas de abastos da comarca da Coruña para impulsar a competitividade do sector.

Na comarca da Coruña apoiaranse a 4 centros comerciais abertos, concretamente, dous da cidade da Coruña, un en Betanzos e outro en Arteixo cunhas axudas que superan os 123.000 euros.

Estas achegas destínanse a proxectos que inclúan iniciativas de dinamización comercial, sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outros. Outras das actuacións apoiadas son a creación de sinerxías e oportunidades dixitais a través do asociacionismo, con axudas para a posta en marcha de solucións dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados e mellora e modernización da imaxe do centro comercial aberto, a implantación e mellora do portal web do CCA ou marketing dixital. Este apoios como novidade tamén van dirixidos á loxística ecommerce (gastos de envío on line) e para o mantemento de unidades xerenciais.

Prazas de abastos

Na cidade da Coruña recibirán achegas desta orde as asociacións das prazas de abastos das Conchiñas, Elviña, San Agustín e Eusebio da Garda por un total de máis de 38.500 euros. Ademais de proxectos de fidelización, sinalización, dinamización e competitividade, poderán desenvolver iniciativas relacionadas coa mellora de instalacións e equipamentos. Estas axudas como novidade tamén se poden empregar para iniciativas de mellora de instalacións e equipamentos.

Tanto os centros comerciais abertos como as asociacións de praceiros puideron optar a apoios para a posta en marcha de market places ou outras iniciativas dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados. Tamén para o desenvolvemento de sistemas centralizados de envío e entrega a domicilio, e a contratación de servizos externos para a xestión de contidos nas redes sociais.

Estas subvencións enmárcanse no Estratexia Comercio 360 (2019-2021), que ten entre os seus retos o establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.

Orzamento 2022

Trenor tamén destacou que de cara ao 2022 as actuacións destinadas á modernización do comercio contarán cun 15,66% máis que no 2020 (pasando dos 15,88 M€ en 2020 a 18,37 M€ en 2022).

Ademais o Goberno galego apostará pola transformación sostible do comercio físico co obxecto de potenciar todas as canles de venda (física e dixital) para manter o tecido comercial nas vilas e cidades e promover modelos de negocio que aposten pola sostenibilidade, o emprego mozo e a economía circular para o que se destinarán 3 millóns de euros.

Neste senso, o delegado da Xunta finalizou destacando que “Galicia é a comunidade autónoma que máis apoia a este sector asociativo en contía económica”

AXUDAS CENTROS COMERCIAIS ABERTOS E PRAZAS DA COMARCA DA CORUÑA

CCA/ PRAZA
ENTIDADE
CONCELLO
AXUDA 2021
CCA
Asoc. Gran Area Comercial Obelisco
A Coruña
35.200,00 €
PRAZA
Asoc. Mercado de Abastos de Elviña
A Coruña
8.852,59 €
PRAZA

Asoc. Comerciantes e Empresarios do Mercado de Conchiñas

A Coruña
10.500,00 €
CCA
Asoc. Comerciantes Distrito Mallos
A Coruña
30.586,02 €
PRAZA

Asoc. de Placeiros do Mercado Eusebio da Guarda (Plaza de Lugo)

A Coruña
10.500,00 €
PRAZA
Asoc. Vendedores del Mercado de San Agustín
A Coruña
8.707,69 €
CCA
Arteixo CCA
Arteixo
35.200,00 €
CCA
Asoc. Comerciantes e Empresarios de Betanzos CCA
Betanzos
22.240,00 €
TOTAL
8
 

161.786,30 €

 


 

Imaxes relacionadas