O investigador José Manuel Bértolo, o colectivo Rompente e o programa ‘Sempre en Galicia’ reciben os XXX Premios San Martiño de Normalización Lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe no acto de entrega dos galardóns aos premiados, que se celebrou no Teatro Principal da Estrada e contou coa actuación de Guadi Galego

O certame, convocado anualmente pola Asociación Cultural O Brado co apoio do concello estradense e da Xunta de Galicia, recoñece o labor a prol da lingua de diferentes persoas e colectivos

Valentín García tamén participou na inauguración do Simposio Xela Arias, organizado pola Real Academia Galega coa colaboración da Xunta, que terá dúas sesións máis o 18 e 25 deste mes

A Estrada, 11 de novembro 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán no acto de entrega dos XXX Premios San Martiño de Normalización Lingüística, que nesta edición recaeron no docente e investigador José Manuel Bértolo Ballesteros, na modalidade A Estrada e Comarca de Terra de Montes; o colectivo Rompente, na de Galicia Enteira, e o programa radiofónico Sempre en Galicia, de Montevideo, na de Toda unha vida.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou a importancia destes premios que foron concibidos para a promoción da lingua galega, e respecto aos galardoados salientou que son “dignos merecedores desta distinción e agradecemento polo traballo que levan xa tantos anos facendo a prol da cultura en galego”.

O acto, presentado por Chus Bascuas e amenizado pola actuación de Guadi Galego, tivo lugar no Teatro Principal da Estrada. Canda o secretario xeral tamén participaron no acto o alcalde da Estrada, José López Campos; o representante do padroado, Iván Sanmartín, e os galardoados: José Manuel Bértolo, Antón Reixa e Alberto Avendaño, en representación de Rompente, e Manuel Suárez, en nome de Sempre en Galicia.

Traxectoria dos premiados

José Manuel Bértolo (Soutelo de Montes, 1949), catedrático de Grego en ensino secundario ata a súa xubilación en 2011, é autor de diversas monografías sobre cultura clásica e investigador de temas de xenealoxía e heráldica. O pasado mes presentou o seu traballo Fidalguía e heráldica da Terra de Montes, apoiado pola Xunta de Galicia.

Desde o 2006 estuda xunto a Luis M. Ferro a arquitectura señorial de Terra de Montes e de Tabeirós, o que os levou a presentar este 2021, despois de anos de traballo, o volume Torres, pazos e casas fidalgas do concello da Estrada. Os resultados de moitas das súas pescudas foron publicadas en diversas revistas culturais de Galicia como o Boletín de estudios de genealogía, heráldica y nobiliaria de Galicia ou A Estrada. Miscelánea histórica e cultural, así como en diversos xornais galegos. Con Luis Ferro compartiu tamén no 2014 o XIX premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela.
Pola súa banda, o colectivo poético Rompente está formado por Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manolo Romón. Fundado en 1975, o seu obxectivo sempre foi levar a poesía á rúa a través dunha proposta de vangarda de espírito contestatario que revolucionou o xénero, iniciando á mocidade da época na lectura de poesía en galego. Despois da súa disolución en 1983, volveu asomar no panorama social o pasado 2019, anunciando finalmente o seu retorno para este ano co traballo Que hostia din os rumorosos?, composto por poemas dos tres autores.
En canto ao programa radiofónico Sempre en Galicia, o máis lonxevo en lingua galega, foi creado en setembro de 1950 por un grupo de galegos asentados en Montevideo (Uruguay) entre os que se contaba o curmán de Castelao, finado só uns meses antes, Alfredo Somoza. Xunto a Manuel Meilán, Lois Tobío, Antón Crestar, Pedro Couceiro, Xesús Canabal, Emilio Pita e Manuel Leiras, botou a andar este programa galeguista e cultural que buscaba dignificar a identidade galega e que, 70 anos despois, segue acurtando a distancia entre a diáspora e Galicia.

Pechando o ano de Xelas Arias

Tamén esta tarde, o secretario xeral de Política Lingüística acompañou na inauguración do Simposio Xela Arias a Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG); a Marilar Aleixandre, académica e coordinadora do encontro, e a Amparo Castaño e Darío Gil Arias, nai e fillo, respectivamente, da figura das Letras Galegas 2021. O obxectivo destas xornadas é crear un punto de encontro para afondar na análise da escrita, da tradución e do labor como editora de Xela Arias, pero tamén gozar da súa creación a través de recitais, da música ou do audiovisual.
O simposio, que continuará os vindeiros xoves 18 e 25 de novembro no Salón de actos da RAG, conta co apoio da Xunta de Galicia e está aberto ao público ata completar a capacidade, aínda que tamén pode seguirse en directo a través do web da Academia.