A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe neste evento literario celebrado na Biblioteca Pública de Ourense Nós

Política Social organiza unha mesa redonda con galardoados do Xuventude Crea para impulsar a creatividade literaria na mocidade

Tres gañadores das categorías de Novela curta e Poesía formaron parte desta cita, na que deron a coñecer as súas inquedanzas artísticas e puxeron en común o contido das súas obras

Ourense, 19 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta tarde na Biblioteca Pública de Ourense Nós a un evento literario no que participaron os creadores de obras premiadas das dúas disciplinas literarias do programa Xuventude Crea, Poesía e Novela Curta, para achegar as súas inquedanzas artísticas e poñer en común o contido das pezas galardoadas.

Na mesa redonda organizada pola Consellería de Política Social estiveron Alba Guzmán Falcón, natural de Ourense e gañadora da categoría de Novela curta con Xoaniña de deus; Aarón Barreira Diz, de Culleredo, que obtivo o terceiro premio desta mesma especialidade con Indicios esferoides; e Judith Ruso Pereiro, de Negreira, que conseguiu o segundo premio da categoría de poesía coa obra Habitat hostil.

Exposición

Ademais, Cristina Pichel aproveitou a ocasión para visitar a exposición retrospectiva Xuventude Crea: Máis dunha década, que se expón neste centro desde o 13 de novembro, onde permanecerá ata o 11 de decembro.

Esta exposición acolle algunhas das obras que a mocidade galega realizou no marco da iniciativa Xuventude Crea desde 2010. Pretende condensar nunha mostra o potencial artístico da mocidade galega nesta última década. A exposición, que se puxo en marcha o pasado maio no Mercado de Ribeira, ten visitado ata a data as localidades de Lalín, Tui, Vigo, Pontevedra e Lugo, e continuará viaxando durante os próximos meses ata acadar as 12 sedes no seu percorrido dun ano.