En 2020 a Xunta achegou 7,1 M€ a 141 agricultores e gandeiros de Pontevedra para mellorar as súas explotacións e para a incorporación de mozos
José Balseiros destacou que, destas subvencións, os produtores da comarca do Deza recibiron case o 82%, o que dá idea do peso desta bisbarra no rural galego
Salientou que no conxunto de Galicia aprobáronse 1.206 subvencións, cun orzamento que superou os 43 millóns de euros, e avanzou que para o vindeiro ano están consignados para este mesmo fin 49 millóns de euros nos orzamentos da Consellería
Puxo en valor a recente declaración de Galicia como rexión libre de tuberculose bovina, sendo a nosa a primeira comunidade non insular en conseguir este estatuto
Vinculou estas melloras no eido gandeiro ao labor do Goberno galego e ao seu compromiso co sector, que se pon de manifesto coa posta en marcha dunha Estratexia de dinamización específica, entre outras moitas medidas
A Xunta destinou en 2020 un total de 7,1 millóns de euros ás axudas para plans de mellora, para fomentar a incorporación de mozos ao agro e para pequenas explotacións na provincia de Pontevedra. Estas achegas beneficiaron 141 agricultores e gandeiros, segundo destacou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, durante a súa visita a unha explotación de vacún de leite no municipio pontevedrés de Rodeiro que tamén foi beneficiaria destes fondos na convocatoria de 2019. O director xeral estivo acompañado neste acto polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.
Balseiros puxo tamén en valor a positiva incidencia que teñen estas subvencións no agro da comarca do Deza. Así, salientou, nesta bisbarra recibíronse axudas por importe de preto de 6 millóns, o que supón case o 82% de toda a provincia de Pontevedra. Destas achegas, 36 expedientes corresponden a mozos que se van incorporar (o dato representa máis do 76% do total provincial e case o 13% do global galego) e 58 son beneficiarios de plans de mellora, o que supón máis do 70% dos da provincia de Pontevedra e arredor do 8% en relación ao dato de Galicia.
Nesta mesma liña, o titular de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias indicou tamén que no conxunto da nosa comunidade, e só na convocatoria de 2020, aprobáronse un total de 1.206 subvencións, cun orzamento que superou os 43 millóns de euros e avanzou que para o vindeiro ano están consignados para este mesmo fin un total de 49 millóns de euros nos orzamentos da Consellería do Medio Rural. Dentro destes máis de 1.200 expedientes, un total de 278 mozos galegos poderán incorporarse á actividade agrogandeira este ano a través desta contribución, salientou o director xeral. Do resto de axudas, 715 corresponden a plans de mellora e 213 a pequenas explotacións.
José Balseiros explicou que as tres liñas de axudas están concibidas para garantir a remuda xeracional no sector primario e, en consecuencia, a fixación de poboación nas aldeas. Serven tamén para apoiar os investimentos nas granxas -apostando pola súa competitividade e rendibilidade- e para o desenvolvemento de pequenas explotacións, que -xunto coas de mediano tamaño- son as que definen en esencia o agro galego, remarcou.
Galicia, libre de tuberculose bovina
Nesta visita, o director xeral quixo destacar outro fito para o sector, neste caso a recente declaración de Galicia como rexión libre de tuberculose bovina, sendo a nosa a primeira comunidade non insular en conseguir este estatuto. Balseiros fixo fincapé no feito de que este recoñecemento foi para as provincias da Coruña, Lugo e Ourense, xa que no ano 2019 a de Pontevedra xa obtivera esta consideración.
Ademais, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias trasladou que a consecución deste fito supón a identificación da nosa comunidade como a rexión do Estado, non só co maior censo de explotacións bovinas e líder no sector lácteo, senón tamén co maior estatuto sanitario en relación ás enfermidades suxeitas a programas oficiais de erradicación. Algo que, destacou, se traduce nunha posición de clara vantaxe comercial nacional e internacional, tanto no comercio de animais bovinos vivos como dos seus produtos.
José Balseiros engadiu que ademais, se temos en conta a alta calidade produtiva e xenética dos animais bovinos galegos, coa consecución deste estatuto sanitario pódese afirmar que a cabana bovina galega está no primeiro posto no podio estatal, sendo xa referente no mercado nacional. Subliñou ademais que este fito é froito do duro traballo levado a cabo pola Administración galega, polos servizos veterinarios e especialmente polos propios gandeiros, aos que trasladou o seu agradecemento, pola súa profesionalidade e esforzo nesta materia.
Compromiso da Xunta co sector
O director xeral vinculou estas melloras no eido gandeiro galego ao labor da Xunta e ao seu compromiso co sector, que se pon de manifesto coa posta en marcha dunha Estratexia de dinamización específica, así como con iniciativas que se están a levar a cabo no marco desta planificación. Así, mencionou a creación da aplicación informática Conta Láctea, para axudar os gandeiros a mellorar a súa xestión empresarial e tamén a súa posición negociadora sobre os prezos, así como o impulso dado ao selo de garantía “Galega 100%”, á futura marca “Leite de pastoreo de Galicia”, á tramitación do Observatorio Lácteo ou a aposta pola formación empresarial dos gandeiros. Tamén destacou o feito de que Galicia sexa das primeiras comunidades en facer o primeiro adianto dos pagos da PAC, que suporán -sinalou- máis de 160 millóns de euros para o sector.
Por último, José Balseiros confrontou todo este traballo da Xunta coa “falla de compromiso” do Goberno Central con este sector, que volveu censurar. Unha actitude que -denunciou- se pon de manifesto coa súa escasa contundencia para frear a venda a perdas neste ámbito produtivo e ao rexeitar a proposta de Galicia de incorporar a aplicación Conta Láctea como forma de acreditación do custo efectivo de produción na lei da cadea alimentaria. Lamentou, ademais, que o Goberno Central siga facendo “ouvidos xordos” ás demandas de Galicia a prol do sector do lácteo en particular e dos sectores primarios en xeral.